«A aldea é a máxima expresión da vangarda»

Á. Palmou CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Ana Garcia

A experta de sona internacional Chus Martínez, de vacacións no seu pobo natal, O Couto, prepara xa un novo reto profesional

02 ene 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Ten percorrido xa medio mundo como conservadora, comisaria e directora de prestixiosos museos consagrados ás vangardas artísticas, pero a súa aldea natal, O Couto (Ponteceso), segue ocupando un lugar especial na vida de Chus Martínez Pérez (1972). Un Nadal máis achegouse á súa terra e non dubidou en atender á chamada dos responsables da Fundación Pondal -cos que mantén tamén unha estreita relación desde os tempos da asociación Monte Branco- para estudar como colaborar no desenvolvemento do seu pobo mentres prepara xa a súa nova etapa creativa e vital. Martínez prefire non dar moitas pistas ata que sexa oficial, pero a docencia universitaria en Suíza son algunhas das claves do reto polo que deixou o seu cargo no Museo do Barrio de Nova Iorque.

-País Vasco, Barcelona, Alemaña, Estados Unidos... É unha trotamundos da arte.

-Si, dalgún xeito si, vou gañando experiencia.

-¿Son cambios obrigados ou simplemente é o que lle apetece facer en cada momento?

-Son cambios totalmente voluntarios que teñen que ver a maioría das veces coa necesidade e as gañas de aprender máis e coa curiosidade. Estiven case tres anos e medio vivindo en Kassel [Alemaña] para ser parte do equipo de Documenta, agora pasei un ano en Nova Iorque e aínda que a intención era quedarme máis tempo xurdiu unha cousa en Suíza relacionada con mundo universitario que é algo que me facía moita ilusión desde hai tempo así que para aí vou.

-¿Deixará o mundo dos museos?

-Non, porque isto está relacionado cos museos e con outra forma de producir e entender a arte. Vou facer exposicións, aínda que terá que ver máis coa parte de formar artistas.

-¿Que é o que máis a marcou da súa traxectoria ata agora?

-Toda a xente coa que traballei, os equipos, as persoas que fan posible os resultados. Unha das cousas que fai falla é valorar á xente que traballa porque estamos nunha época moi mala e cada vez que hai unha exposición ou cada vez que pasa algo no ámbito da cultura hai que valoralo e darlle nomes e apelidos e crédito á xente que o fai posible. Neste senso debo dicir que no estranxeiro hai máis tradición de darlle espazo de crecemento persoal e profesional á xente que traballa. Tamén me quedo coa aldea, co meu pobo, coa familia, co máis próximo.

-¿Marchar fóra nun eido coma o seu é un paso inevitable?

-Non, é unha opción de vida. Hai xente que quere desenvolverse máis preto de onde naceu e hai xente que ten unha curiosidade infinita, como foi o meu caso, polo que están facendo outros, pero sempre hai unha raíz e sempre volves. Non é unha cuestión de ser mellor ou peor, é unha cuestión de curiosidade.

-¿Como ve o panorama artístico actual da Costa da Morte?

-Hai artistas, profesionais e xente moi interesante nestes momentos e o que hai que facer é escoitalos, potencialos e sobre todo darlle importancia a plataformas como esta entidade [a Fundación Pondal] que está traballando ademais desde ámbitos que son moito máis inusuais. Nunha época de crise os canais obvios non van resultar efectivos e o que temos que facer é investigar novas fórmulas. Os que sempre viviron na crise teñen máis canais para afrontala. Nestes momentos as aldeas teñen máis recursos mentais para superar o buraco que os que poidan ter aqueles que non tiveron que pasar por épocas tan malas.

-Ten falado da relación entre aldea e vangarda.

-A aldea é a máxima expresión de vangarda desde moitos puntos de vista: intelixencia vital, coñecemento que ten a xente de moitas cousas... Non é un punto de información, pero si de estraña tecnoloxía vital e hai que atopar cabezas que o saiban ver. Dalgún xeito, o meu interese e a miña paixón polos artistas é porque eles sábeno ver, por iso hai que traer artistas á aldea porque eles poden ver máis cousas que xente de outras profesións que poden ter máis prexuízos ante contextos que aparentemente non parecen tan desenvolvidos.

-¿En que vai consistir a súa colaboración coa aldea do Couto?

-Trataremos de facer ver esa relación entre aldea e vangarda a través dun encontro con artistas internacionais. Podería ser en verán, pero hai que buscar á xente axeitada, non é cuestión de cantidade nin de que sexan coñecidos ou non.

-Como persoa do mundo da arte, ¿que sentiu ao saber o sucedido na Barca?

-Sentín un gran respecto non só polo monumento senón como unha peza que conforma o noso territorio e a nosa paisaxe. E a pregunta que me plantexo é que como evitar que algo así volva pasar.

-¿Que opina da polémica suscitada en torno ao Museo de Corme?

-Non podo opinar porque non estou ao tanto, non coñezo os detalles. O único que podo dicir e que me parece ben que existan institucións artísticas porque todo o que sexa cultura é bo.

chus martínez ex conservadora do museo do barrio de nova iorque

«No estranxeiro hai máis tradición de darlle espazo de crecemento á xente que traballa»