¡Parece cousa de xuventude!

M.ª José Imia

CARBALLO

Numerosos mozos da Fundación Pondal participarán no congreso que se celebrará en Ribeira.
Numerosos mozos da Fundación Pondal participarán no congreso que se celebrará en Ribeira.

20 oct 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Hai uns días, a Fundación Eduardo Pondal utilizaba este lema para presentar unha Xornada de Emprendedurismo Xuvenil na que un grupo de mozos e mozas expoñían a súa experiencia como promotores e executores de distintos proxectos empresariais que están a alcanzar o éxito nas súas respectivas áreas. Hoxe, retomamos esta construción lingüística para falar dunha marea de mozos que guían a nosa actividade.

Moito se ten dito sobre a mocidade, sobre a necesidade dun futuro para ela, sobre se se trata dunha xeración «ni-ni», pero... ¿Que pasa coa xente moza que realmente está implicada no seu territorio, que culturalmente está motivada e ilusionada por facer perdurar as tradicións e a lingua dun pobo, con aqueles que queren traballar no rural e que queren construír o seu proxecto vital neste contorno? Este é o sentir xeneralizado do grupo de 30 mozos e mozas que estes días participarán en Ribeira no Congreso Internacional de Xuventude que se desenvolverá baixo o lema Da educación non formal ao emprego e ao emprendemento.

A xuventude do Couto ten moito que compartir neste encontro porque son moitas as iniciativas que ten desenvolvido ao longo destes anos nestes campos: educación non formal, emprego e emprendemento. A última, a xornada promovida pola Fundación Eduardo Pondal que contou con mozos como Alejandro Lamas, de Sixtema, ou Xosé Antonio Touriñán e Marcos Pereiro, á fronte de Airapro, entre outros moitos.

A fundación presentará en Ribeira un lote de catro actividades: voluntariado xuvenil, festival Con V de Valarés, Asociación Cultural Inllar e todas elas coa intención de que sirvan de estímulo e exemplo para outras entidades xuvenís interesadas en poñer en valor a contribución da mocidade á sociedade actual.

Neste marco, a entidade pontecesá tamén presentará o seu proxecto de Bolsas de Formación Non Formal Eduardo Pondal, dirixidas a mozas e mozos que, durante o seu período de estudos, queiran compaxinalo coa formación en bibliotecas, centros museísticos, entidades deportivas... Trátase dun intento de premiar desde a fundación toda esta dedicación e interese da xente nova por formarse e contribuír desde todos os ámbitos á mellora do benestar.

A mocidade do Couto e arredores rompe o mito de que a xuventude non está comprometida coa sociedade: aquí, non só se traballa por e para a sociedade, senón que somos quen de exportar o noso modelo de actuación, polo que agradecemos a oportunidade que nos brinda este Congreso Internacional de Xuventude. Non en tanto, todo este esforzo non pode quedar aquí, é preciso canalizar toda esta creatividade, toda esta experiencia e facer que evolucione e reverta en oportunidades laborais e de desenvolvemento para os mozos pero tamén para a área de influencia da súa acción. Hai que subir un chanzo máis: a mocidade empuxa e faino desde a construción dun modelo de sociedade na que as oportunidades, a experiencia e o saber e querer facer son máis que puras declaracións de intencións.

Son as razóns que esconden a verdadeira chave do futuro e do progreso de Galicia.