Este conto é moi egoísta, fala moito de min, e a xente de Malpica sabe quen son e do tolo que estou. Podería empezar a mediados dos anos 50 cando Lugrís deixou mostras da súa arte en Malpica de Bergantiños-A Coruña-España. Pero vai empezar unha mañá de diario na que libraba no traballo en Arteixo. Facía tempo que non vía os murais de Lugrís. Ademais, José Manuel Vila mandáraos restaurar. Subín ao primeiro piso e vin os cinco cadrados, coa cara lavada, no seu lugar de sempre. Xa non ían sufrir de graxas e nicotina. Subín ao segundo piso e vin o mural longo cos panos de rede a modo de telóns, a obra de máis tamaño, nun lugar estreito.
-¿E os dous trípticos de santos?
-Están aquí, porque non hai sitio onde poñelos. Sinaloume Vila dous envoltorios detrás da fotocopiadora. Suxerinlle que os colgara á dereita da porta de entrada á oficina. Acusáronme algunhas de ser eu o culpable das raiaduras, por suxerir esa ubicación, manda carambita en La Habana.
Mal estado
Pasados uns aniños, na creación do GDR de Bergantiños no desaparecido Centro Comarcal de Buño, a tarde que España xogaba a semifinal do Campeonato do Mundo de Fútbol en Sudáfrica, encareime no medio do debate co alcalde de Malpica, Varela, e boteille en cara a ubicación e mal estado da obra de Lugrís, do seu mantemento e da súa situación. Esta e outras deficiencias, xa estaba farto de dicirllas varias veces con anterioridade, «estamos niso» era a súa resposta preferida. Moi ofendido dixo que eran de propiedade privada, non do Concello, e que «con esta xente é perder o tempo», polo que se marchou no medio da reunión para darlle ó botón de acendido oficialda gran pantalla que o Concello alugara para ver o partido contra Alemaña no pavillón.
Parga, actual alcalde e antigo socio de Varela no goberno do Concello cando os do PP estaban en «guerra civil», sáenos agora defendendo o Mar de Sisargas. Pero apoiado polo Alfredo Cañizo, último socio de Varela na anterior corporación. Din que Varela é o culpable de todo, eles borraron os últimos dez anos de «compadreo» con el. Eles non estaban, eles non sabían, Varela «era un tal e cual». ¿Que podo dicir de Genaro Amigo, Patrón Maior das Españas: igualiño cós anteriormente nomeados (só mira para a súa petrina). Genaro, ¿cantos anos hai que che pedín permiso (nin cartos, nin axuda) só permiso para organizar una colección visitable coas obras de Lugrís de protagonistas, pero enchéndoa de moitas mais riquezas relacionadas co porto de Malpica e co Mar da Illa).
Mandeina por correo e á confraría, despois de meses sen resposta á petición verbal. Outra xente e outros organismos fan mal en seguir chamando museo ao que non poderá selo nunca. Os catro turistas que van veñen ¿que credes que pensarán? Pero eu defendo una humilde pero fermosa Colección Visitable.
Un soño
Por favor, se lle queredes tanto coma min a Malpica, se algún día tivestes un soño coma o de «Selaguia», tendes que comprender o meu cabreo. Penso que me comporto bastante pacificamente, despois de tantos anos de silencio e pasotismo dos que poden facer algo por levantar Malpica, e aínda a botan (e votan) máis ao fondo ata afogala. Mar de Sisargas é a terxiversación dunha idea por parte duns particulares que non aman nin traballan gratis por Malpica, que non choran ao ver como está a obra de Lugrís na Casa do Pescador de Malpica. Mar de Sisargas tamén é o proxecto, ben coñecido en todos os nosos portos, pobos e cidades dos alcaldes, concelleiros, patróns maiores, etc... que non arranxan o que non está ben, aínda que o proxecto coma e respire deses «bens culturais que nos mostran a alma dun lugar».
Pinturas
¿Como podes vender Malpica a través de Lugrís, creando una ruta sobre a estancia e a obra de Lugrís neste porto, sen gastar un peso en adecentar os locais onde se gardan as súas pinturas e sen nombrar os feitos persoas e lugares máis sobresaíntes relacionados con Lugrís? Falei nada máis da ruta Lugrís pero hai outros «crimes» no proxecto Mar de Sisargas. Por eso me negueime a colaborar a cegas no asunto. Non lles interesa Lugrís, nin os muráis; unha disculpa máis para cobrar (só 44.500 euros) e ir tirando.
denuncia malpica