Pola feira de Carballo, a miúdo, vexo pasar algunha desas mulleres que son as herdeiras, sen querelo e sen sabelo, dun tempo pasado e que non volverá. Non é exclusivo de aquí: o mesmo ocorre polas máis concorridas, a de Paiosaco, a de Baio, a de Cee...
Máis mulleres ca homes, proba máis da súa maior lonxevidade, que non hai que ir buscar ás táboas do INE. Basta con darse unha volta pola rúa e non pechar os ollos.
Zapatos de modas esquecidas, pendentes escurecidos, medias de cor carne, ás veces tocas ou mandís, o pano á cabeza atado atrás, a carteira de abotoar, un bolso ou un cestiño, botando olladas aos postos de verduras, coas mans atrás ás veces cun xesto un tanto inclinado, recoñecendo un mundo que é dos seus no medio doutro máis grande que xa non identifican.
Poderá dicirse que cambios sempre houbo e que son un síntoma máis do paso do tempo. Si, pero non. Esta xente que aínda podemos ver, estes avós aos que ás veces non facemos caso, son os últimos restos dunha larga cadea centenaria de modo de vida e de coñecemento que se ía pasando con naturalidade. Si, foi chegando a luz, e os coches, e o teléfono, e melloraron as casas, e as condicións... Grandes cambios externos, pero non de sentir.
Esta xente, como os seus pais, avós, bisavós... aprendeu as mesmas maneiras de encarar a vida e afrontar a morte. O mesmo xeito de traballar a terra, de dominar os animais, de entender o tempo, de apañar as herbas que curaban algo algunha vez. Todos viron a rolda, aprenderon a pasar fame, a comer a dor xorda da emigración sen volta dos fillos, a crer en cousas que se cadra existen. A coñecer os esqueiros, os carreiros, os arrós, os pasos dos ríos, a nabiña das plantas, as palabras das leiras, os aloumiños das vacas. Os tempos das froitas e a cor da terra.
Todo iso, con luz ou sen ela, xa non pasou á seguinte xeración. E non pasará.