«Quedei moi satisfeito co resultado»

Patricia Blanco
patricia blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

JOSE MANUEL CASAL

Xulio Lago é un dos directores de máis prestixio do panorama teatral galego. El é o director de O método Grönholm. Xa tivera colaborado con Talía: «Somos vellos compañeiros».

-¿Expectativas cumpridas?

-As sensacións foron espléndidas e o público moi cálido. Quedei moi satisfeito co resultado. Nada de que queixarme. O proceso de produción foi laborioso, pero nun espazo de silencio e paz que nos facilitou moito o traballo. Así que expectativas cumpridas e agardo que siga así nos próximos espectáculos, que eu xa seguirei de maneira máis intermitente.

-¿É garantía de éxito a estrea no festival de teatro de Carballo?

-[Ri]. Seguro de éxito non hai nada, pero si estaba garantida a asistencia, a presenza de espectadores amantes do teatro, e iso xa é importante. Estrear no FIOT é un pouco máis angustioso que facelo nun sitio máis discreto... En Carballo hai unha programación rigorosa e o FIOT deste ano é extraordinario. Iso é todo un estímulo e unha honra.

-O de Galcerán é un texto multiplemente representado... ¿Como se enfronta a iso?

-É un texto montado en medio mundo, pero cada espectáculo vai ser diferente, porque o público, o director e o público son tamén diferentes. O noso obxectivo é atrapar ao espectador, conmovelo, divertilo.

-¿Limita a sorpresa o feito de que sexa un texto coñecido?

-Éo relativamente, e por parte do público pode que non o sexa tanto. Sorprende igual o que chega a facer o ser humano.

-¿É un espectáculo duro?

-Na medida en que se fala dun mundo no que só contan os resultados, no que a persoa importa pouco se non aporta beneficio, no que o traballador está sometido á empresa... Pero Galcerán é un autor magnífico que perverte todo iso a través do humor. É unha obra dura e amable, divertida e cruel.

xulio lago director da obra