«O xogo é un dos mellores recursos formativos cos que contamos»

m. v. c. / m. v. m. CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

17 sep 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

A Illa de Arousa acollerá esta semana un orixinal curso de formación sobre o patrimonio lúdico costeiro de Galicia no que participará moi activamente o malpicán Apolinar Graña Varela, licenciado en Ciencias da Actividade Física e do Deporte. O mozo, que está a preparar a súa tese doutoral sobre os xogos populares e a educación física explicou en Voces de Bergantiños, de Radio Voz, como será a súa participación nas xornadas da Illa.

-¿Está moi ligado o xogo tradicional a actividade física?

-Debería estalo, porque, de feito, é un dos contidos curriculares nos programas de Primaria como en Secundaria. O que pasa é que está un pouco esquecido tanto por parte dos docentes como por parte das Administracións e en moitos casos acabo por converterse na clásica materia «maría».

-¿Que pensa un experto en tradición lúdica cando ve aos rapaces pegados á consola?

-É unha mágoa que se perda toda a nosa tradición, a nosa cultura e o noso patrimonio inmaterial. Non estou en contra das novas tecnoloxías, pero si creo que debe racionalizarse o seu uso e tamén debemos fomentar que os rapaces xoguen. O que pasa é que se está a perder a transmisión interxeracional dos xogos tradicionais polas súas características intrínsecas.

-¿Pódese usar o xogo como un recurso formativo?

-De feito o xogo é un dos mellores formativos cos que contamos. Na elaboración da miña tese, por exemplo, descubrín que os rapaces de Primaria dos colexios de Malpica teñen graves problemas de sociabilización. Hai pelexas, discusións, berros... Disto decatáronse os mestres tanto en Buño como en Malpica e por iso empezaron a traballar nos recreos cos xogos tradicionais e os cambios foron moi notables. Ademais, en xeral, existe unha falta de imaxinación e creatividade dos rapaces que é bastante preocupante, porque están monopolizados pola televisión e polas tecnoloxías.

-Pero tamén practican deportes.

-Si, pero existe unha acaparación por parte do fútbol que non deixa espazo para outros xogos.

-¿A que se debería xogar en Malpica segundo a súa tradición?

-En Malpica, polas súas características xeográficas, existen dúas grandes zonas lúdicas, que son a praia e o porto. Na praia xogábase, por exemplo, á vía, que consiste en deslizarse sobre as ondas, algo así como facer surf sen táboa. É un xogo que tamén practicaban, por exemplo, os rapaces de Hawai ou noutros moitos lugares do mundo. Hai tamén xogos xa extintos, como o corrompa, que é un tipo de divertimento de carreiras, ou o bote-boteiro, que tiña relación coas agochadas.

-Moitas veces as regras cambian segundo a localidade.

-Unha das características dos xogos tradicionais é que as normas non están tan institucionalizadas como nos deportes, senón que son adaptables e iso aporta maior riqueza ao patrimonio lúdico.