Un mozo de Baíñas gaña 10.000 dólares ao quedar cuarto nun torneo en liña no que participaron 200.000 xogadores
08 dic 2011 . Actualizado a las 06:00 h.O vimiancés de Baíñas Juan Pérez Antelo, Tristan2287, acabou cuarto nun torneo de Pokerstars que este domingo entrou no libro Guinnes de los Récords, ao ser a competición que maior número de xogadores reuniu na historia, cun total de 200.000 participantes. Apostou un dólar e gañou 10.000, que segundo di, arraxáronlle as festas do Nadal.
-¿Como foi a partida?
-A verdade é que ten unha historia curiosa, porque quedamos catro amigos ás seis e media, coa idea de que, como iamos perder rápido, poderiamos baixar ao bar as oito e media para ver o Depor. Neste torneo empezabas con 2.000 fichas, que son moi poucas, e podías quedar fóra de contado, porque as cegas [aposta mínima obrigatoria] soben moi rápido. Eu estaba xogando no meu cuarto e aí polas oito levaba unhas 20.000 fichas. Chamoume miña nai para cear e baixei, pensando que cando volvera xa estaría eliminado para ir ver o fútbol, pero cando subín, aínda me quedaban 7.000. Mandeille un all in [aposta de todo o dispoñible] e, dende aí cheguei a estar segundo con un millón de fichas. Os amigos, que seguían a partida dende o bar, viron que ía moi ben e empezaron a animarme.
-¿Cal foi a man que mellor resultado lle deu?
-Tiven varias. Na primeira hora e media, sen esaxerar nada, entráronme ases polo menos sete veces, pero daquela aínda o torneo estaba moi baixo e valéronme de pouco. Fixen unha moi boa contra un canadense cunha parella de cincos, aínda que a que o cambiou todo e me fixo chegar á mesa final foi unha na que levaba un 10 e un rei. Quedei contra un portugués, que tiña un ás e unha dama. No flop [tres cartas á vista de todos os xogadores] saíu unha dama, outra dama e un oito, co cal estaba máis que perdido porque gañaba el cun trío de damas, pero as dúas últimas cartas foron dous reis e elimineino.
-¿Leva moito tempo xogando?
-Cerca de tres anos. Empecei con 22, pero nunca conseguira un premio nin tan sequera parecido. Gañei algunha vez no casino da Coruña e máis cando estiven en Canarias, pero o máximo foron 300 euros. Cando hai algún torneo por Ponteceso, A Laracha ou así imos e o que facemos normalmente e poñer cinco ou 10 euros cada un, cando estamos no bar, e xogamos por pasar o tempo.
-¿Emprega algunha estratexia específica nas partidas?
-Non, nesta vida todo é cuestión de sorte. O único que non acostumo a ir moito de farol. Só aposto cando levo cartas.
-¿Xa pensou que facer cos cartos?
-Non me podían vir mellor, porque estou sen traballo, como case todo o mundo, e este sábado acábaseme o paro. Teño que pagar o coche e outras cousas, así que eses 7.500 euros arranxáronme o Nadal.
Juan Pérez antelo, «tristán» ás do póker con marca guinness