O rexedor di que o polígono industrial privado de Nantón cristalizará neste mandato e estará conectado á autovía
13 may 2011 . Actualizado a las 06:00 h.O alcalde de Cabana, nacido en Nantón hai 42 anos (cumpríunos o pasado 20 de abril), veterinario, que vive en parella e ten un fillo, enfróntase ás urnas por terceira vez consecutiva. Faino dende unha cómoda maioría absoluta de oito concelleiros, fronte aos catro do PSOE e o único dos nacionalistas. Por primeira vez, o Concello que goberna pasa de 13 a 11 concelleiros, debido á baixada dos 5.000 habitantes.
-¿Cales son as súas expectativas nestas eleccións?
-Non me gusta falar de min, non me parece o máis correcto. Pero as expectativas que teño son boas. O vento sopra a favor do PP en xeral, e en Cabana creo que se fixo un bo traballo. Polo que me din os veciños polas parroquias, están contentos co traballo que se fixo.
-¿E que se fixo?
-Fixemos multitude de cousas nestes catro anos. Se teño que destacar algunha das actuacións, o centro de día, por exemplo, o único da zona rural de Bergantiños. Temos moitos servizos. Unha piscina a pleno rendemento, e iso que ase abriu hai moi pouco. Realizamos moitas obras, augas e saneamentos en varias parroquias. Estamos aí coa traída do Anllóns para o polígono de Nantón, e tamén coas rutas dos muíños e un albergue, coas obras de rehabilitación, co obradoiro de emprego, os aparcamentos parroquiais...
-¿E que é o que quere facer se sae reelixido?
-O Concello de Cabana xa é un referente en servizos e actividade cultural, e queremos seguir por esta liña. Pero no programa levamos numerosas intervencións. Por exemplo, darlle un impulso á Ribeira do Anllóns, cun dragado en certas zonas, levar o paseo ata Ponteceso, facer o clube náutico, o albergue, a ampliación do saneamento e o abastecemento a máis núcleos.
-¿Haberá polígono en Nantón?
-Neste vindeiro mandato debería xa de ver a luz e facerse. É un proxecto que leva anos, pero que vai saír adiante. A autovía, ademais, tamén estará feita, vertebrará a comarca e conectarase con este parque. Suporá un avance moi importante para Cabana.
-En habitantes, polo menos, retrocede. Vostedes xa baixaron dos 5.000. ¿Que se pode facer para evitalo?
-Todos os da volta do entorno rural perden veciños, non é un problema de Cabana. Nin sequera de servizos, porque nós damos gardería, música, deporte, actividades, idiomas, piscina... Hai calidade de vida, pero non traballo, e se a xente ten que ir a 60 quilómetros, pois queda alí. Iso é o que pasa, e a xente marcha para as cidades ou lugares como Carballo. O medio rural, en xeral, necesita ofrecer traballo. iso fixa poboación.
JOSÉ MUÍÑO DOMÍNGUEZ alcalde e candidato do PP de cabana