Un día para a esperanza

Cristina Abelleira CARBALLO/LA VOZ.

CARBALLO

APEM celebra este ano en Carballo o Día Mundial da Saúde Mental, que reúne hoxe a autoridades e expertos

21 oct 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

O 10 de outubro celebrouse o Día Mundial da Saúde Mental, co que cada ano téntase espertar a conciencia cidadá. A nivel internacional, a conmemoración rematou ese día, pero a nivel provincial continúa ata hoxe. Este 21 de outubro é o día elixido pola Asociación Pro Enfermos Mentais (APEM), que desenvolve a súa actividade na área sanitaria da Coruña, para chamar a atención da poboación sobre os problemas da saúde mental e as necesidades de investimentos en servizos de prevención e tratamento.

APEM naceu no ano 1980 como consecuencia do peche dos hospitais psiquiátricos e do traslado dos enfermos ao entorno familiar. A sociedade civil substituíu unha vez máis ás Administracións públicas para poñer os recursos que fan posible que os doentes teñan unha vida normalizada. A asociación iniciou a súa andaina na cidade da Coruña, e no 2001 abriu a súa primeira sucursal . Foi a de Carballo, e tamén é na capital de Bergantiños onde se vai celebrar hoxe, por primeira vez fóra da capital da provincia, o Día Mundial da Saúde Mental.

Programa

No equipo organizador está, ademais, un carballés: o psiquiatra Juan Carlos Díaz del Valle, que coordina as actividades. A el corresponderalle abrir a primeira mesa redonda no auditorio do Pazo da Cultura, e xa anunciou que ten pensado facelo cun vídeo moi ilustrativo dos primeiros síntomas que aparecen nunha persoa cun trastorno mental severo. A saúde mental será o centro do debate, no que participarán Isabel Varela, psicóloga do centro de rehabilitación psicosocial e laboral de APEM, un técnico do departamento de Servizos Sociais do Concello de Carballo; Marta Añón Ceán, representante das familias, e Manuel Serrano Vázquez, do servizo de psiquiatría do Chuac.

Despois de abordar a parte máis médica, a xornada continuará con outra mesa redonda, máis política, na que se pretende demandar unha implicación directa das Administracións. Estarán representadas o Concello de Carballo, polo seu alcalde, Evencio Ferrero, e a Deputación Provincial, polo responsable da área de benestar social, Xoán Sande. Con eles debaterán o psiquiatra Manuel Serrano e o presidente de APEM, Luis Muruzábal, que tamén será o encargado de pechar o «histórico» acto, como o definiu Díaz del Valle, que tamén quixo lanzar «unha mensaxe positiva e esperanzadora» para os doentes e as súas familias.

APEM ten unha presenza moi importante na Costa da Morte, con centros de rehabilitación en Carballo e Cee, pisos tutelados tamén nas dúas localidades e unha residencia na vila ceense na que presta atención as 24 horas do día e os 365 días do ano.