Pinto e Cobiñas queren ter chea a taberna de Reimundo

Cristina Viu Gomila
Cristina Viu REDACCIÓN/LA VOZ.

CARBALLO

Os protagonistas da serie «Para mariñeiros nós», de V Televisión, buscan figurantes para os novos capítulos

13 oct 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

A taberna de Reimundo é ese lugar onde se pode traballar estando sentado na mesa dun bar. Se cadra mesmo na barra. Pinto e Cobiñas, os mariñeiros máis famosos de V Televisión andan na procura de clientes cos que compartir o set que é agora o bar Biscoiteiro de Corme.

Os actores e mariscadores da Costa da Morte Suso Lista e Manuel Castro e o director Omar Rabuñal buscan figurantes para os próximos capítulos da serie.

Ademais de ter a oportunidade de escoitar en directo ás reflexións de Pinto e Cobiñas sobre temas de actualidade e grandes asuntos da humanidade, os que se anoten como extras cobrarán dez euros por xornada, ademais da comida.

Os requirimentos para formar parte dos asiduos á imaxinaria taberna de Reimundo non son moi aló. Suso Lista e Manuel Castro non piden máis que persoas que teñen entre 18 e 70 anos de idade, aínda que probablemente non lle poñerán problemas a alguén de 71, sempre que non os aparente.

O traballo é doado. Suso Lista comenta que se cadra non son máis de dúas ou tres horas por xornada. Non se precisan grandes dotes de interpretación. Calquera que frecuentase un bar mariñeiro ou de aldea algunha vez na súa vida saberá perfectamente como ten que comportarse.

O ambiente axuda, porque a rodaxe dos capítulos de Mariñeiros nós faise no Biscoiteiro. Hai na Costa da Morte poucos negocios tan vividos coma este, polo que para os actores e os figurantes é doado crer que están nun bar real. Tampouco é nada difícil crer que Suso e Manolo son xente de mar. Os dous son bos actores, pero o máis importante é que, efectivamente, viviron ata agora dos percebes e do marisco que collían.

De todos os xeitos, non é preciso estar familiarizado co mundo mariñeiro para gañar os dez euros por xornada. Chega con ter unha presenza axeitada e ganas de pasalo ben, porque está claro que nun traballo coma este, ninguén se aburre. Non hai máis que ver os pases diarios, ás 20.55 horas, e o capítulo recopilatorio da serie que botan todos os venres, ás 21.30 horas.

Para traballar na taberna de Reimundo só hai que ir ao Biscoiteiro a partir das 10.00 horas. Os que non poidan desprazarse, poderán atopala en V Televisión.