«A xente de Malpica e a de toda a comarca é moi solidaria con nós»

C. V. CARBALLO/LA VOZ.

CARBALLO

Eva Lema é a delegada de acollida dos nenos do Sáhara na Costa da Morte. A entidade precisa cartos para que este verán poidan vir a Malpica sete pequenos. En outubro organizaron unha cea e en xullo farán unha sardiñada.

-¿Cando será a festa?

-O 9 de xullo no campo da festa de Seaia. Colaboran moitos establecementos de Malpica. Uns poñen as sardiñas, outros a carne... Case todo é doado polos comerciantes.

-¿A xente é solidaria?

-A xente de Malpica e a de toda a comarca é moi solidaria con nós.

-¿Cal será o menú?

-Damos sardiñas, xurelos, carne, chourizos, viño, pan e refrescos. Hai que comprar unha taza de barro que custa 5 euros e comes e bebes o que queres.

-¿Precisan moitos cartos?

-Cada viaxe custa 900 euros por neno, así que botade contas.

-¿Como foi a cea?

-Moi ben. Fixémola en Aldeola e asistiron 478 persoas. Nunca pensamos que viñera tanta xente, pero toda a comarca volcouse con nós.

-¿Teñen otras axudas?

-O ano pasado o Concello de Malpica pagou a viaxe a dous dos nenos, pero este año xa dixeron que non podían aportar nada. Creo que é pola crise.

-¿Para os nenos é bo vir aquí?

-Para nenos que viven no deserto é moi importante vir xunto ao mar. Cúranselles moitas enfermidades e poden seguir tratamentos. Tamén é bo para as súas relacións.