O Instituto de Estudos Bergantiñáns e os concellos de Carballo e Vimianzo preparan roteiros de sendeirismo
27 may 2010 . Actualizado a las 02:00 h.Cada vez son máis os veciños da Costa da Morte os que aproveitan o seu tempo de lecer a unha actividade barata e doada: o sendeirismo. Por fortuna para eles, tamén se incrementaron as posibilidades de camiñar en compañía, xa que cada vez son máis os concellos e entidades que preparan roteiros.
Esta mesmo domingo haberá un en Carballo, organizado pola asociación Senda Nova e incluído no programa Primavera en ruta. Trátase dunha camiñada duns 16 quilómetros que permitirá aos participantes ir «tralas pegadas do volframio». Así, os sendeiristas irán polos lugares de Oza e Razo, en Carballo, e Cambre, en Malpica, onde rematará a andaina. A saída, como en ocasións anteriores, será ás nove e media da mañá desde o Pazo da Cultura e os interesados en participar poden anotarse no Pazo e na sede de Protección Civil, cuxos voluntarios se encargarán da seguridade dos camiñantes durante toda a ruta.
O sábado seguinte, o día 5 de xuño, os afeccionados aos paseos teñen dúas opcións. Unha delas da man do Instituto de Estudos Bergantiñáns, que preparou un completo roteiro polo Concello de Muxía. A camiñada comezará no centro da vila e irá cara ao miradoiro da Cruz. Os participantes pasarán polo pequeno núcleo de Figueiras de Abaixo e tamén por outras aldeas como Oruxo, onde verán un curioso hórreo constituído por dous corpos formando un ángulo recto, Casasnovas de Moraime ou Os Muíños. O paseo, duns nove quilómetros e tres horas de duración, tamén fará un alto na igrexa de Moraime, a capela de san Roque de Chorente ou na área recreativa de Tella. Xa pola tarde, e despois de xantar, os participantes darán un paseo por Muxía.
Os interesados en participar poden inscribirse na libraría Brañas de Carballo (981 700 010). A saída en autobús será ás nove da mañá dende a praza do Concello carballés.
Ata algo máis lonxe irán aqueles que se anoten a ruta de sendeirismo que o departamento de Deportes do Concello de Vimianzo preparou para ese mesmo día.
O obxectivo é viaxar ata o Concello de Teo (o autobús saíra ás nove da mañá da praza do Concello) e coñecer os petróglifos e mámoas de Loureiro, a igrexa románica de Lampa, o marco medieval do Couto de Pedrouso, o miradoiro do cumio da Grela, o cruceiro gótico e a carballeira de Francos, Castro Lupario e a pontella de Paradela, entre outros lugares. En total, uns vinte quilómetros. Os interesados en participar xa poden apuntarse na Casa da Cultura.