A emblemática oficina botou o peche en Carballo tras máis de 50 años plenamente integrada na localidade
01 dic 2009 . Actualizado a las 02:00 h.A ONCE pechou onte en Carballo ás 21.30 horas. E iso é moito dicir nunha organización profundamente vencellada a Carballo, Bergantiños e arredores dende fai máis de cincuenta anos. Esta axencia ten (tiña) vendedores espallados de Cee ata Malpica, de Muxía a Trazo, de Santa Comba a Camariñas. E ten dado moitos premios, ben deles millonarios. Que llo pregunten a algún vendedor que traballa sobre todo pola capital do Xallas, ou a un bar de Erbecedo, e a uns cantos máis.
Máis no plano da anécdota, a ONCE de Carballo organizaba as festas de Santa Lucía, para as que xa non queda nada, con misa na igrexa de San Bautista, viños no Mexillón e logo comida e baile moi animado nun restaurante, ultimamente en Casa Sánchez, pero houbo outros.
Así que onte, ás 21.30, ao baixar a cancela e pechar con chave, ademais de dicir adeus a un servizo moi integrado e coñecido, foi unha despedida a moitas máis cousas. Que empezaron aló por outubro de 1949, cando Santiago Periscal Viaño empezaba a vender o cupón, nuns tempos que nada teñen que ver cos de hoxe. Daquela só vendían os cegos, e cos anos foise ampliando a outras diversidades. Tamén melloraron os premios, os aparellos, o número de vendedores.
Pertenencias
A oficial administrativa, María Suárez Pallas, e o delegado, Julio Gurriarán Torres, gardaban onte pola tarde as últimas pertenenzas. Xa había moito embalado de semanas atrás, dende que se coñeceu a nova do peche, incardinado nunha reestruturación da ONCE en toda España, que implica a supresión de máis de cen oficinas. Non lle afecta ao emprego, e os dous traballadores de Carballo (o terceiro prexubilouse) van agora para a Coruña. Tampoco lle afecta nada aos vendedores, que seguirán coa súa actividade normal. Para cobrar os premios, eles mesmos informan (teñen lectores electrónicos), nas cabinas anúncianse os sorteos e entidades como La Caixa son colaboradoras. Ao que xoga, en realidade, o cambio non lle afecta nada. É algo máis ben simbólico.
Por iso o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, recoñecía onte que lle daba algo de mágoa este abandono, por tratarse «dunha oficina tan integrada e identificada con Carballo, e ademais nun momento en que Carballo recibe servizos en vez de perdelos».