«No meu espectáculo haberá algo para todos»

CARBALLO

Hoxe actúa no restaurante Aldeola de Cerqueda, dentro dun ano que ela mesma califica como «perfecto»

07 nov 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Despois do éxito de Manolo Escobar, o restaurante Aldeola de Cerqueda (Malpica) volve a recibir a unha artista ben querida polo público galego e da Costa da Morte: Pili Pampín (Rois, A Coruña, 1971) ou, fóra do escenario, María del Pilar Villar Rivas. É unha muller apegada á terra galega, que vén de sacar un novo disco e cuxas actuacións foron moitas este verán na Costa da Morte. Por citar algunhas, Muxía, Camariñas ou Cambeda (Vimianzo). Na Aldeola actuará sobre ás 24.00 horas e estará acompañada pola orquestra Mallo. A cea, con espectáculo, ten un prezo de 35 euros e, sen comida, a entrada custa seis.

-Este foi un verán no que arrasou na Costa da Morte.

-Pois a verdade é que si. Todas as actuacións foron marabillosas, fantásticas. Ademais, había tempo que non visitaba a Costa da Morte e, eses lugares aos que fun nos os coñecía, polo que me fixo máis ilusión aínda. -Parece que está a ser un ano bo para Pili Pampín, profesionalmente falando. -Perfecto, a pesar da crise que está habendo, este para min foi un ano moi bo. Saquei un disco hai pouco e, xustamente, cúmprense agora 18 anos dende o primeiro. -Xusto cando tiña esa idade, máis ou menos. ¿Como cambiou o mercado musical dende aquela? -Persoalmente, para min non moito, porque eu sempre intentei que os meus discos tivesen algo de todo. Pero penso que hoxe en día o mundo da música está bastante complicado. Báixanse discos ou cópianse, cando en realidade dá moito traballo sacar un. Para un artista resulta frustante se logo todo ese esforzo non se ve recompensado. -¿Como a soe recibir o público? -Moi afectuoso, moi ben, a verdade. Nestas últimas verbenas ás que fun notei que había máis xuventude, e iso está moi ben, é bo, porque, ademais, divírtense. -¿Que ten a música de Pili Pampín que consegue animar a novos e non tan novos? -Pois eu fago unha mistura de todo, de pasodobles, de cancións tradicionais galegas, de temas mexicanos, rancheras, boleros... -As súas influencias serán do máis variadas, logo. -Si, escoito de todo. -¿Que lle ofrecerá aos que hoxe a poidan escoitar en Malpica? -No meu espectáculo haberá algo para todos e para todos os gustos. -¿Coñece Buño? -Sei da súa tradición oleira. Teño algunhas pezas tamén na miña casa.