Boa execución, pero sen nova receita

José María de la Viña

CARBALLO

Cada obra de teatro é como unha persoa: ten o seu propio carácter, a súa propia personalidade. É como coas persoas: ó presentarchas, estás desexando saber como son; cales as súas virtudes, cales os seus defectos. Acabarás entusiasmado ou defraudado; ou se cadra nin unha cousa nin a outra. Pero a emoción, a expectativa dos comezos dunha obra, é moi parecida a cando nos presentan a alguén. Logo, o interesante son os descubrimentos que vas facendo dela.

Cálida habitación de corte clásico. Música amena. Boa iluminación. No fondo unha pantalla que simula a paisaxe marítima que se ve desde unha ventá. Axiña entran en acción os dous únicos personaxes da obra. Diálogos frescos e vertixinosos. Pura comedia, segundo mandan os cánones: dous personaxes totalmente antagónicos de vidas opostas, enfróntanse. Unha delicada e refinada señora, de idade madura, contra un profesor de baile, varias decenas de anos máis novo que ela, e ademais, impertinente, vital, mentireiro, atrevido, maleducado, gai..., pero simpático.

Estupendos diálogos nacen das ironías e retrancas que se lanzan un ó outro. O humor xorde dese contraste, destas formas de enfocar a vida. Ademais dun texto coidado e divertido eles dous están soberbios; tanto nos diálogos, como movéndose polo escenario, amosando unha excelente expresión corporal. Todo isto fai que a conversación pareza natural; aínda que ás veces as respostas son TAN rápidas e inmediatas que costa traballo crer nesa naturalidade. Unha preciosa mestura de tenruras, actitudes e cambios de velocidades. Miña vida, túa vida. Todo cheo de infinita humanidade. As palabras encaixan coa mesma facilidade que os pasos de baile. A música, fenomenal.

A condición humana, fronte a fronte.

Estereotipos

A receita non é nova; o único é como a conseguen executar os actores. Logo dunhas risas iniciais, no medio da peza poñemos un chisco de amargura nos dous personaxes, para conmover un pouquiño. Fórmula estereotipada onde as haxa: comedia amable, áxil e próxima ás vivencias de cada un ou unha. Aínda que maiormente ó público senior, debeulle gustar moito máis. Se esta obra competira con outras do seu nivel profesional, non creo que destacara demasiado. Pero xa sabes: no país dos cegos, o torto é rei.

Así que, como se fixo en Carballo cun FIOT, ó meu entender, bastante frouxo, pois ata parece Luz Divina. En todo caso, apresúrome a dicir que eu disfruto moitísimo coas boas interpretación e co ritmo dunha obra. Polo que se pode comprender que o pasei en grande, pois diso ían sobrados.

Todo é segundo o cristal con que o miras. Para moitos foi bonito. Para outro moitos «demasiado» bonito. ¿Ti con que cristal o miraches?

Acabouse o FIOT 2009. Deséxovos que, malia a todo, tiverades bos momentos no mesmo, e que xa esteades desexando a vindeira edición.

Unha aperta a todos, e grazas por aturarme.