«Aquel equipo foi un método de evasión para moitos mozos»

CARBALLO

Máis de 40 anos despois volverán xuntarse hoxe no campo do Pedrouzo ex xogadores, simpatizantes e afeccionados do Calor H. D. Todo despois de ter xogado «unhas pachangas» no municipal de San Andrés para recordar que o fútbol serveulle a ducias de mozos para convivir nos tempos que seguiron á guerra. Aquel equipo foi idea de José Manuel Cundíns, por aquel entón sacerdote e despois profesor.

-¿Cómo se lle ocorreu?

-Máis que unha ocorrencia, era unha necesidade polo illamento que había na aldea naqueles anos de ditadura. Era unha oferta de ocio, un método de evasión daqueles tempos difíciles. Tivera experiencias anteriores con mozos universitarios de Santiago e Salamanca, onde estudiei.

-¿Cánto durou o equipo?

-Dende o ano 68 ata o 74 que foi o tempo no que eu exercín en Zas coma sacerdote. Despois deixouse esmorecer porque o igrexario do Pedrouzo, onde xogaban os rapaces, era do Arzobispado e non permitiu cedelo á Federación de fútbol.

-Coa igrexa topamos...

-Así foi. A pesares de todo, moitos xogadores foron ao Baio, a equipos da comarca do Xallas, o Sporting Zas fundaríase despois... Chegamos a ter 182 rapaces no Calor, H. D.

-¿Teñen ganas de xogar?

-Os actos de hoxe son para compartir recordos e anécdotas. Algúns xogarán, outros conversarán no bar.