«O traballo con nenos é tremendamente agradecido»

C. S. / M. V.

CARBALLO

Vimbio Films remata hoxe en Carballo as probas de selección dos protagonistas para a película «A casa da luz»

08 may 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

A produtora Vimbio Films busca aos protagonistas da súa próxima película, A casa da luz , entre os nenos da bisbarra. A compañía leva desde abril facendo probas de selección en localidades da bisbarra e hoxe rematan en Carballo. Os nenos de 8 a 13 anos aínda teñen tempo de presentarse ás probas no colexio Bergantiños (de 9.30 a 16.30 horas) ou ben no Pazo da Cultura (de 18.00 a 21.00 horas). O produtor deste proxecto, Xosé Xoán Cabanas Cao, estivo onte en Voces de Bergantiños , de Radio Voz, onde explicou algúns dos detalles de A casa da luz .

-¿Que busca Vimbio Films?

-Temos pensado facer as probas por toda Galicia, porque queremos darlle unha oportunidade a todos os nenos da comunidade. Buscamos seis nenos protagonistas, pero despois haberá moitos máis que formarán parte da figuración, por iso facemos unhas probas tan longas naqueles lugares nos que temos previsto rodar. É moi probable que rodemos en Baio, por iso nesta zona necesitamos máis nenos.

-¿Cal é o argumento de A casa da luz?

-Eu son pouco partidario de contar o argumento, porque entendo que as películas, como os libros, hai que velas o lelos. É unha película baseada nunha novela do mesmo título, de Xabier Docampo, que é Premio Nacional de Literatura Infantil. Pero ollo, unha cousa é a novela e outra cousa será a película, que está baseada nesa historia, pero non ten porque seguir todos os seus pasos. Trata sobre unha panda de nenos que viven nunha pequena vila. Están de vacacións, pero mantén a relación co seu profesor de plástica, co que xogan a un xogo de pescudas. Nun momento dado o profesor desaparece e os nenos bótanlle a culpa a un marxinado do pobo. Este home fai que o sigan e os leva a unha casa onde hai unha serie de cadros e os nenos métense nun deles para buscar o seu profesor. Entón empezan unha aventura na procura do seu amigo.

-¿Como é unha proba de selección de nenos de entre 8 e 13 anos?

-Afortunadamente contamos coa colaboración da Consellería de Educación e tamén da Secretaría Xeral de Política Lingüística, que nos están botando unha man para organizar as probas e seleccionar aos nenos. A través dos colexios e en colaboración cos directores estamos facendo o proceso. E igual que o que se fai cos adultos. Hai algúns que veñen con moita ilusión, pero quedan fóra do perfil pola súa idade. O traballo cos nenos é sempre tremendamente agradecido. Aínda que había unha frase de Hitchcock, que dicía «con nenos e animais, nin me fales», eu peso totalmente o contrario. É un traballo complicado, pero moi satisfactorio.

-¿Quen vai máis ilusionado, os nenos ou os pais?

-O cine atrae moito, por iso os nenos van moi contentos, pero tamén os pais. A súa colaboración é moi importante, sobre todo agora que as cousas mudaron e os nosos nenos tamén poden ser protagonistas das nosas propias películas. Eu invito a todos os pais a que se acheguen ás probas cos seus fillos, porque queremos ver o máximo número posible de pequenos.

-¿Que foi o que lle moveu a facer unha película con nenos?

-Serán dous meses de rodaxe e faremolo durante o verán, para non interferir coas clases. Será unha película para nenos e protagonizada por nenos. Eles estarán todo o tempo en pantalla e os actores adultos son os menos. É algo que non se podía evitar, porque queriamos rodar esa historia e a historia que eliximos é de rapaces.

-¿Cando se poderá ver a película?

-O noso obxectivo é que a montaxe estea lista xa a finais deste ano ou, como moi tarde, a principios do 2009.