«Aprender para educar é un espazo para a formación de persoas»

CARBALLO

Esta semana comezou Aprender para educar, unha escola de pais na que atopan respostas sobre os temas que máis lles interesan. Da organización encárganse o Concelo de Carballo e a Asociación Socio-Pedagóxica Galega. Na presentación da iniciativa, que se celebra por cuarto ano, estivo Libia Pérez, vicepresidenta da AS-PG.

-¿Por que xorde o programa?

-Aprender para educar xorde como un programa de formación que está dirixido ás familias. O obxectivo é interrelacionar e expoñer experiencias, porque nós consideramos que a familia é o primeiro concepto de socialización das persoas, onde realizan as primeiras aprendizaxes para o desenvolvemento integral dos nenos e das nenas. Entón, debido ao papel fundamental que xoga a familia, consideramos convinte crear un espazo que teña como obxectivo principal a formación de persoas. -¿Como se plasma ese obxectivo? -Poderiamos sintetizalo en catro aspectos: as relacións na familia, a colaboración das familias cos centros de ensino nos que estudan os nosos fillos, coñecer todas as variables que se dan no proceso de ensino-aprendizaxe e incidir na importancia que as familias teñen en todo o proceso de coeducación. -¿Lévase a cabo noutros lugares? -Si. O programa está en Lugo, A Coruña, Cambre, Carballo..., con moi boa acollida e moi bos resultados.