«En vez de criticarnos deberiamos unirnos»

Cris Souto

CARBALLO

A representante dos hostaleiros da capital xalleira insiste en que todos cumpren os horarios

21 nov 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

Os hostaleiros de Bergantiños aseguran que están vivindo unha importante crise porque, entre outras cousas, os locais de Santa Comba non cumpren os horarios impostos pola Xunta, o que supón unha competencia desleal. Pero, segundo dixo en Voces de Bergantiños a presidenta da Asociación de Locais de Movida da localidade xalleira, Josefina Felpeto «hai xa moitos meses que os pubs acatan a normativa».

-¿Cúmprense os horarios en Santa Comba?

-Cumprimos ao pé da letra os horarios que establece a Consellería de Xustiza, que son os mesmos para toda Galicia, desde hai moito tempo. Os nosos hostaleiros teñen distintas licenzas, de pubs, discotecas, cafés-concertos, pero ás seis da mañá ningún local está aberto, todos están pechados e desaloxados.

-¿Xa non hai taboados flamencos?

-Non, esta categoría desapareceu do catálogo de espectáculos a principios de ano e todos os locais que había con esta denominación, que eran dez, cambiaron de categoría e adaptáronse ao horario da nova licenza.

-¿Hai moita vixianza?

-Temos á Guarda Civil todos os días facendo o seu traballo. Patrullan as rúas para que se cumpran os horarios de peche e de desaloxo.

-¿Como sabe a asociación que todos cumpren o horario?

-Nós estamos en continuo contacto coa Guarda Civil e sempre que hai algún problema nolo di. Ademais, desde a directiva tamén é moi fácil saber se o pub veciño cumpre ou non, porque estamos todos na mesma rúa.

-Pero a xente que vai a Santa Comba asegura que se pode estar de festa ata ben entrada a mañá.

-Hai un local que tiña licenza de pub, pero a xente ía moi tarde, polo que o propietario optou por facer un cambio de licenza e hoxe en día a ten de cafetería. Por iso abre ás seis da mañá e pode estar aberto ata as tres da madrugada.

-¿Como recibiron as críticas doutras localidades?

-En principio moi mal, porque Santa Comba, como todos os sitios, tamén tivo épocas máis frouxas e outras mellores, pero en ningún caso achacamos o noso fracaso aos locais dos demais concellos. Tivemos moitos problemas cando desapareceu a categoría de taboado flamenco, porque aos hostaleiros que tiñan esta categoría íalles a xente moi tarde, pero ao ter que pechar antes viron moi mermados os seus ingresos. Foi cando houbo moitas denuncias, porque preferían pagar unha multa e traballar unha hora máis. Ao final viron que non era rendible e vían a posibilidade de que lle quitasen a licenza. Este problema durou só un par de meses.

-¿Non hai diálogo entre os hostaleiros de distintas localidades?

-Penso que iso sería o ideal, en vez de criticarnos deberiamos unirnos. En lugar de tirarnos os trastes á cabeza sería bo facer unha asociación con todos os concellos e con todas as agrupacións de hostaleiros da bisbarra para intentar facer cousas boas e positivas para todo o sector.