Programadas para este mes catro saídas de sendeirismo en Laxe

La Voz

CARBALLO

04 ago 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

carballo | O Concello de Laxe continuará este mes co programa de rutas turísticas cun total de catro saídas de sendeirismo. A primeira, a ruta sur pola Costa da Morte, está prevista para mañá. Os participantes sairán ás dez da mañá de diante do Concello e visitarán o Museo de Man, o Cabo Vilán, o Museo do Encaixe, o santuario da Virxe da Barca de Muxía e os cabos Touriñán e Fisterra. O regreso será ás oito da tarde, polo que os interesados deben levar comida.

O día 11 será a ruta polo municipio de Laxe, con paradas na igrexa parroquial, o faro, a praia de Soesto, a lagoa e a igrexa de Traba. O 24 haberá unha nova saída pola Costa da Morte, neste caso pola zona norte, dende o dolmen de Dombate ata as marismas de Baldaio, e o 25 rematará o programa coa denominada Ruta Arquitectónica, polo patrimonio histórico-artístico laxense.