O país dos mil camiños

Farruco Graña CARBALLO

CARBALLO

Novos Tempos | Inauguración en Calvelo

02 mar 2007 . Actualizado a las 06:00 h.

Quen naceu nunha aldea de difícil acceso sabe moi ben o que significaba baixar á escola (unitaria), ou á tenda (taberna ultramarinos na que había de todo un pouco). Achegarse á parte máis poboada da parroquia (normalmente o igrexario) era todo un acontecemento. Mais ir á feira (de Berdillo) ou ao feirón (en Carballo) viña a ser algo así como unha excursión, ver mundo (a luz eléctrica, o alumeado público, o teléfono, etcétera). Calvelo é unha aldea da parroquia de Sofán que, ata hai ben pouco, tiña moi difícil acceso. Situada no monte que lle dá nome, e regadas as súas augas polo afluente do río Anllóns do mesmo nome, este núcleo de poboación non dispuxo de pista (de terra pisada) ata 1971. Construída entre todos os veciños, inaugurárona cunha gran sardiñada o 11 de xullo, día de San Bieito. Tarambollo Antes, para baixar á taberna de Encarnación e Balboa, na de Lamas, seguíase un camiño polas chousas do Tarambollo vello, que ía dar á Serreira. Para ir á escola usaban un carreiro que, en parte, sería aproveitado despois para facer a pista. Dita taberna sería posteriormente xestionada por Ricardo, quen a acabaría trasladando para o cruzamento que se fixo no Tarambollo ao abrir a pista cara a Calvelo. Para achegarse á baixa de Sofán, ou á Feira de Berdillo e Carballo, viñan polo medio do monte ata Vioño (case ao comezo da recta de Canducho). Á misa ordinaria dos domingos ían a Aldemunde; outra cousa era a confesón, os casamentos ou as misas de defunto e loito. Na acordanza dos nosos pais e os avós dos nosos fillos permanecen aínda un sen fin de roteiros que tiñamos que recuperar; seguro que moitos deles serían perfectamente aproveitábeis para sendas a pouco que lles rozaramos a maleza. Os seus recunchos han de agochar grandes tesouros paisaxísticos e algunha que outra historia de amor.