ARA SOLIS | O |
26 ene 2007 . Actualizado a las 06:00 h.AS urxencias médicas estanlle dando dores de cabeza ás autoridades sanitarias, que de seguir este paso van ter que probar a eficacia do sistema de saúde galego e a súa saturación. A verdade é que hai xente que fai unha parte da súa vida nos hospitais e nos centros de saúde. Chega con ir un domingo a un centro clínico para ver canta vida hai neses sitios. As habitacións están ateigadas de xente, estean ou non moi enfermos os visitados. Hai acompañantes que van provistos das súas diminutas radios para seguir os partidos da Liga. Os mozos que van ver aos avós -xa non son moitos- levan tamén o seu aparatiño para escoitar música cos auriculares. Os vellos pensan que lles están atendendo, pero eles están con Shakira. A muller tamén quere saber como vai o Madrid. Moitos de aqueles que gababan de ser do equipo herculino de toda a vida xa volveron á súa fe merengue. Mentres, o enfermo está tan só coma en calquera outro momento. A súa sorte viaxa nas carpetas dos médicos. A quen menos caso lle fan os visitantes é aos que están deitados na cama. Falan de Aquí non hai quen viva , de Cuéntame , de se Zapatero ten máis o menos razón ca Raxoi, de Ronaldo ou Ronaldinho. Os enfermos sorrín felices no leito ou no asento para participar na festa. Parecen os máis sans de todo pola súa cara de ledicia. Será para tranquilizar a parentes e amigos para que volvan para casa coa conciencia ben tranquila. Un hospital o domingo pola tarde pode ser unha verdadeira feira. A dor afoga entre conversas e risadas. E que tranquila está cidade dende as fiestras cheas de luz. Tanto no Canalejo coma no Virxe da Xunqueira o mar tranquiliza e dálle un ton melancólico á enfermidade, mentres os visitantes reparten consellos sobre o réxime, os diagnósticos e o futuro feliz de quen está sufrindo e ten que poñer boa cara. Haxa saúde.