ARA SOLIS | O |
06 ene 2007 . Actualizado a las 06:00 h.SABADELLE NON está, zanxemos cuestión, nin en Calo nin en Carantoña. Queda, como todo o mundo sabe, na provincia de Barcelona. Cando as discusións políticas chegan ao asunto dos lindes, a cousa ponse interesante. O mesmo que aconteceu coas famosas illas Lobeira, mito de pescadores e refuxio imaxinario de piratas de veraneo. ¿Serán de Cee ou de Corcubión? Cando alguén as reclama xurde na mente o afán das imaxes bélicas. As Lobeira, que son moito máis importantes que Perejil, tiñan que ser conquistadas dun xeito máis pintoresco que o illote africano. Nada de lexionarios, senón tropas de atavío napoleónico, disparando arcabuces ou trabucos e limando o corpo a corpo, tan cerca uns dous outros como para afeitarse os pelos da barba, con sables de aceiro ben morno. Se pasara Pedro Texeira polas ilas diría delas o que dixo que de Malpica, que era vila «de mucho trato de pescado». Falta por imaxinar agora a conquista de Sabadelle. Saber se os de Calo atacarán por mar ou por terra. Ou quen contará cos apoios dos percebeiros de Camelle, coñecedores dos camiños, para entrar na praza sen ser vistos. Falta por saber tamén se o rei de Vimianzo manterá o apoio aos de Calo e se mandará tropas e se, en caso de conquista, pasará aos de Carantoña polas armas. Nunca pensou Sabadelle que puidera ter tantos pretendentes e tan fogosos. Na soidade dos croios pasábanlle os anos. Algo de sona acadou cando o Prestige a disfrazou de negro, como Al Jolson en The jazz singer . Mais retirada a maquillaxe volveu Sabadelle ao aburrimento cotián. Din que con tanta soidade deleitábase contemplando o crecemento dos percebes. Iso ata que chegaron os políticos a bater espadas. É hora de buscarlle un sitio a Sabadelle porque semella que ate o de agora non o tivo. Nesta Costa da Morte nin os desertos descansan en paz.