O ano dos Pondal, Eduardo e Cesáreo

La Voz S. G. | CARBALLO

CARBALLO

Reportaxe | Conmemoracións no 2007 Cumprirase un século da estrea de «Os Pinos» como himno galego, 90 da morte do bardo e 110 da do seu irmán maior, unha figura clave na historia de Ponteceso

01 ene 2007 . Actualizado a las 06:00 h.

? ano que acaba de comezar servirá, no eido literario, para darlle outra volta á figura de Eduardo Pondal. Ou, como poñía na súa partida bautismal, a Eduardo María González-Pondal e Abente, figura clave da poesía galega, e mesmo da súa historia, pola importancia que nun momento determinado acadaron as súas ideas plasmadas en verso, e porque son seus os que lle dan corpo ao himno de Galicia, estreado no teatro Rosalía de Castro de La Habana no ano 1907. Unha placa e un busto conmemoran aquel momento. Eduardo Pondal,que naceu en Cospindo en 1835, morreu nun hotel coruñés o 8 de marzo de 1917. Están a piques de cumprirse, por tanto, os noventa anos do seu pasamento, outra efeméride que servirá para glosar o traballo e a figura do médico vate rexionalista do Rexurdimento. A terceira data ten que ver co seu irmán maior, Cesáreo (foron nove en total) inxustamente esquencido en Ponteceso e moi solapado pola fama do poeta. Cesáreo, que nacera en Laxe no 1820, morreu no 1897. Foi comerciante de ultramar, viviu das súas rentas, pero sobre todo foi alcalde e deputado provincial, cargos ambos cos que loitou polo desenvolvemento do seu pobo e tomou decisións fundamentais para que o Ponteceso de hoxe sexa o que é, e como é. Para rescatar a súa figura -entre outros obxectivos-, o escritor Felipe Valdés Hansen, descendente dos Pondal, acaba de publicar unha interesante obra que en breve, seguramente este mes, será presentada en Ponteceso. Así o quere a asociación Monte Branco, anque seguramente se faga xa no marco da recentemente impulsada Fundación Eduardo Pondal. Conta Hansen como chegaron os Pondal ata a Costa da Morte procedentes de Asturias (Eduardo e Cesáreo son bisnetos do pioneiro), como se estableceron e relacionaron. E fala moito da vida do que sería rexedor e deputado: ideou a rede viaria do municipio, comunicándoo con Corme, Malpica e Buño; trasladou a casa consistorial en 1866 dende a Bugalleira, que xa funcionaba en Ponteceso sete anos antes de xeito interino. Levou a capela, a notaría, a carteiría, o campo da feira. Promoveu a construción da actual ponte de Ponteceso sobre a vella medieval. Fixo do entorno da desembocadora do Anllóns, onde se conserva a que foi a súa casa, na beira do río -primeiro fora unha taberna, logo ampliada, nunha zona á que non se lle daba valor- un lugar cultivable e urbanizable. Di o autor que, con todos estes méritos e outros, non é comprensible que Cesáreo careza, aínda hoxe, de algún elemento que o lembre e homenaxee. De feito, en Laxe si que o hai, xa que unha rúa leva o seu nome. De Cesáreo e de Eduardo, e das súas obras, falarase moito este ano. E máis que se fará cando a vella rectoral de Cospindo estea xa arranxada como sé da fundación. Niso andan agora.