ARA SOLIS | O |
06 nov 2006 . Actualizado a las 06:00 h.ESTE NOVEMBRO semella vir tan irregular, meteoroloxicamente falando, que o resto do outono que levamos vivido. Non hai moitos días que o propietario dunha escola infantil de Carballo me comentaba que por primeira vez desde que abriu a gardería, e diso fai xa máis de vinte anos, no mes de outubro non fixo falta poñer en funcionamento a calefacción. E a verdade é que, se me paro un pouco a pensar, eu tampouco recordo estar nunca de manga curta a estas alturas do ano. Estamos nunha época propicia para os catarros, que xa empezan a facer mella na poboación a pesares da campaña de vacinación antigripal. É lóxico, porque as mañás e as noites, á parte de moi escuras, son tamén frías dabondo; mentres que o resto do día loce o sol e as temperaturas, a verdade, parecen máis propias dos primeiros días da primavera que dun outono xa avanzado. Nin sequera as follas das árbores semellan querer abandonar as pólas, e os montes que non foros vítimas dos incendios seguen aínda verdes. Nestes días de sol, cando temos un pouco de tempo, aproveitamos para dar un paseo -curto, iso si, porque a noite logo se nos bota enriba- pola beira do mar. Na comarca de Bergantiños hai lugares que teñen un imán especial. Como a praia de Razo, na que raro é o sábado ou o domingo no que non hai ducias de camiñantes tanto pola beira do mar como polo aínda reducido paseo de madeira instalado por Costas. Ou como o entorno do faro do Roncudo, ao que apetece máis achegarse andando desde que se habilitou un carril peonil aproveitando as obras de mellora da estrada, que boa falta facían, por outra banda. Ou como Caión, onde as polémicas terrazas se encherían se a normativa municipal o permitise. Ou como os paseos marítimos de Laxe ou Malpica, que sempre parecen ateigados. Ou como, en definitiva, calquera recuncho onde dea o sol.