ARA SOLIS | O |

16 sep 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

ANOS ATRÁS, poucos, xa neste século, os galos empezaron a cantar de madrugada para abrir o día. O que pasa é que unha vez cantaban á unha da mañá, outro facíano ás dúas, se cadra ao seguinte ás tres, e non había maneira de aclararse co despertador natural que a evolución (doméstica) lle otorgou a moitas aldeas. Isto pasou nunha parroquia do sur de Carballo, e vamos a omitir o seu nome polo repecto á intimidade (a dos galos). Tamén vamos a curarnos en saúde, porque un xa levou uns cantos espantos: a ver se resulta que estes galos bergantiñáns teñen esa tradición, pero é que os da raza de onde eu viña (parroquia de Soneira, omito o nome polo repecto ás aves de aló) non daban un chío ata as seis en diante. Cando isto ocorreu, e salvando esa posibilidade consuetudinaria, foi cando empezamos a pensar que o cambio climático xa chegara á Costa da Morte. Vén isto a conto porque, de novo, en tres meses, un segundo tiburón foi capturado nas costas de Camariñas -véxase o xornal de onte, última páxina-. Estas cousas, ata onde me alcanza o maxín, antes non pasaban. Era precisamente o patrón do barco, Manolo, de Ribeira, que leva toda a vida no mar, o que comentaba tal posibilidade. O cambio climático. Que se se engade ao cambio de usos forestais, xa se sabe o que pasa: o lobo, a máis; o xabarín, a máis; as parellas de rulas, a ratos polo medio do trigo, algunha vez. As troitas, nas piscifatorías. Os reos, nos museos ou no cárcere. As angulas, no súper. Un cervo, no millo do Rempenín. As pegas grúan á beira da casa. E os ríos sen auga, calor en decembro, mazanceiras que frorecen en febreiro, ¡en febreiro! Os terróns dos arrós, secos coma terra, sen o verde fresco. Como isto siga así, os galos chegarán a galearse entre eles, e ata comerán o millo da man do dono. Que xa sería o colmo para un galo. A ver se polo menos cantan á súa hora.