Reportaxe | Primeira experiencia de «bookcrossing» O Concello «ceibou» 60 exemplares, moitos deles de autores da zona, en cinco establecementos de hostalería do casco urbano
31 ago 2006 . Actualizado a las 07:00 h.Un Criminal anda En salvaxe compaña desde A aldea das catro primaveras ata A misteriosa montaña de Pena Negra ... Non é unha das novas do día. Son os títulos de catro dos sesenta libros que vén de liberar o Concello de Carballo nas rúas da vila, máis concretamente nos cinco establecementos de hostalería que participan na primeira experiencia de bookcrossing que se leva a cabo na Costa da Morte, Libros Ceibes . A iniciativa xurdiu coa Praza dos Libros, a feira celebrada recentemente no xardín municipal, pero é agora cando comeza realmente a desenvolverse co novo pulo que vén de darlle o Concello. Deste xeito, os lectores xa poden atopar Libros Ceibes nas cafeterías Colón, Valle-Inclán e Pazo da Cultura, no café taberna O Patacón e na cervexaría Dublín. Os exemplares poden collerse e levarse, pero despois de lelos hai que volver a liberalos en calquera deses establecementos para que sigan cambiando de mans. Aínda que o Concello de Carballo aporta os 60 primeiros, do que se trata é de que tamén os cidadáns contribúan a ampliar esta biblioteca ambulante na a que non se necesita carné de socio, nin ficha, nin gardar silencio. As persoas que queiran colaborar poden pedir nos bares as etiquetas adhesivas que están dispoñibles para identificar os exemplares ceibes. Entre eles, sete de Polas antas e mámoas da Costa da Morte , de Xosé María Lema Suárez, para os interesados no patrimonio megalítico. Pero tamén hai obras infantís, estudos como o de Desirèe Domínguez sobre O patrimonio relixioso de Carballo e varios títulos de Xurxo Borrazás, Manuel Rivas ou Xan Fraga. Os autores da comarca teñen unha presenza moi destacada nesta experiencia.