ARA SOLIS | O |
15 ago 2006 . Actualizado a las 07:00 h.EXCESIVOS SON os accidentes que cada día segan a vida dalgún ser querido en calquera parte do país. E, desafortunadamente, a Costa da Morte non é en absoluto allea a isto. Son moitas as vidas que se cobraron e seguen a se cobrar as estradas da comarca. As mortes en accidente de tráfico estanse a converter nun mal endémico de difícil solución. Tras a aparición do carné por puntos, mentres que no resto do territorio español parecen baixar os sinistros, aquí van en aumento. Ninguén parece saber as causas, e tampouco parece que ninguén se moleste en saber en que se diferenza esta terra para que isto sexa así. Aumentan os controis, o número de sancións, a perda de puntos nos carnés, pero non parece arranxar moito as cousas. Tal vez sexa hora de buscar novas solucións. Unhas pésimas e perigosas estradas, a falta de conciencia ao volante, unha subcultura do alcohol, do risco e das imprudencias na condución converxen nunha combinación fatal que reflicte unha total falta de respecto pola vida humana. O pasado venres pola noite, indo cara Santiago, atopeime cun condutor borracho que zigzagueaba pisando as liñas continuas e invadindo o carril do sentido contrario. Ao mesmo tempo, algúns condutores cansos de ir tan a modo facían temerarios adiantamentos. Era como unha reacción en cadea: unha acción imprudente dun condutor, poñendo en perigo a súa vida e a dos demais, propiciaba outra. Ata que, finalmente, tivo a axeitada decisión de pararse no arcén. Ao día seguinte, volvendo cara a Carballo das festas de Laxe, despois do concerto de Danza Invisible, eran varios os condutores parados por dar positivo nun control de alcoholemia. Mentres haxa quen non tome conciencia de que o importante cando colles o coche é poder volver á casa, seguirá habendo xente que se quede no camiño.