A Costa da Morte

PEDRO GARCÍA OTERO

CARBALLO

TRIBUNA ABERTA | O |

08 ago 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

FAI COUSA dunha semana, unha concelleira de Vimianzo parecía pontificar sobre os límites da Costa da Morte, afirmando, sen máis fundamento que a súa palabra, que ían de Malpica a Corrubedo. Uns días despois, outro concelleiro de Fisterra pedía á Xunta que establecese tales límites, porque temía que se desviasen cara a outros lados os investimentos en Fisterra. Tanto un coma outro deberan saber que a Costa da Morte non é ningún ente oficial, pois non consta nas 53 ou 54 comarcas en que se dividiu Galicia, e, polo tanto, ninguén pode establecer os límites xeográficos, como tampouco nunca se estableceron os das Rías Baixas (¿Onde empezan? ¿Na ría de Muros e Noia ou na da Arousa? Nalgunhas guías teño visto mesmo metida a ría de Corcubión). Á concelleira vimiancesa, pola súa comenencia, déuselle por reducir ao seu albur a Costa da Morte polo norte para ampliala polo sur ata Corrubedo. Por se non o sabe, hai autores de solvencia que afirman que tal tramo de litoral empeza na Torre de Hércules da Coruña. Por iso sería recomendable que tanto unha como o outro non se puxesen tan esixentes, xa que, postos a ser estrictos, os de Vimianzo deberían recordar que o seu municipio só ten entre 50 e 100 metros de litoral mariño e que neste tramo -según o libro de José Baña- non houbo ningún naufraxio, e os do outro concello que postos a buscar patentes ao mellor a da Costa da Morte orixinaria tería que ser somentes para o tramo de litoral entre Camelle e Cabo Vilán, pois nalgún libro dise que o nome xurdiu a finais do século XIX, despois dos naufraxios sucesivos de varios navíos, entre eles o Serpent , con gran cantidade de víctimas. En resumo: non nos poñamos tan farrucos e exclusivistas (agora que todo o mundo quere ser da Costa da Morte e antes ninguén), que ao peor, se pedimos un informe científico, algúns serían os primeiros en teren que baixar do carro (ou, mellor dito, do barco).