ARA SOLIS | O |
05 ago 2006 . Actualizado a las 07:00 h.NA BEIRA dunha estrada de Zas, preto de Baio, fará unha semana que un matrimonio de fóra - fóra : adverbio que serve para explicar que eran de lonxe, pero sen saber de onde exactamente- grababa coa súa videocámara a unha muller que limpaba o trigo, ou se cadra era orxo, nunha eira. A cousa é sorprendente, porque: a) aínda queda quen limpa o trigo coma sempre; b) hai alguén que o filma, e c) a limpadora non se opón, co raro que resulta que alguén che poña unha cámara nas narices se non te coñece de nada, incluso pedíndoo. O caso é que, nese momento, alguén se decatou de que o que vía era algo singular . Tampouco hai que pasarse, porque aínda non se trata de excepcións, pero xullo, e parte de agosto, xa non son o que eran desde que foron desaparecendo traballos absolutamente domésticos e aos que ningún lles daba importancia algunha, salvo as féminas, ás que por razóns que nunca entendían sempre lles tocaba buscar o vento para que levase o lixo. Se cadra, porque os varóns eran os que cargaban co cereal cara a ucha, ou por que antes mallaban máis, estendían e trullaban. Isto do trigo, áspero ao tacto, nada que ver nin coa dozura incial do orxo nin co seu graniño máis redondo, aínda se ve, malia a que sexan as máquinas as que cortan e debullan, e xa non haxa vacas que pisen en redondo a colleita, co home co caldeiro atrás, por se daba de vientre o animal. Hai outras cousas que xa non se ven nada, pero por algúns sitios aínda se fala delas, e moito. Por algo será. O liño, por exemplo. Contábame unha dona que non bota nada de menos aqueles anos cincuenta, a primeiros de xullo, cando se arrincaba. Ía para o río en feixes, facían lajeiros , quedaba nove días, ía para o herbal, creaban estrigas, pisábano as vacas, estalaba... E moito, moito máis, unha longa historia de moito falar. Porque... ¿xa non se sementa liño, non? ¿Ou un ferradiño?