Euforia

ANTONIO DÍAZ AMOR

CARBALLO

ARA SOLIS | O |

17 jun 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

HAI QUE ver como cambian as cousas. Fai unha semana ninguén daba un peso pola Selección e podían contarse cos dedos da man os que de Carballo a Fisterra amosaban optimismo respecto ao mundial dos teutóns e agora xornais, radios, televisións e faladoiros tabernarios viven nuns momentos máis que entusiásticos. Como di o gusaniño musical co que esperto toda as mañás: agora vamo a ganá er mundiá (o de faltas de ortografía seguro). Somos un país de contrastes que pasamos moi facilmente do derrotismo á euforia e a Selección convértenos ciclicamente cada dous ou catro anos en seareiros ciclotímicos. O noso é a esaxeración e o esperpento como paisanos de Valle-Inclán que somos. O seareiro é esaxerado por natureza e se a ilo lle amosamos que estamos nunha bisbarra que vive cara ao mar o esperpento se multiplica xeometricamente pois -di a vox populi , que ás veces é moi sabia- non hai nada máis esaxerado que un mareante, sobre todo se fala en primeira persoa. Coido que foi Xosé María Lema (sen dúbidas o que máis sabe de historia de fútbol nesta Costa da Morte) o que me falou fai tempo dun vello mariñeiro de Malpica que aos seus case 80 anos non se perdía un partido da Liga da Costa e vacilaba cos xogadores dicíndolles que non corrían nada e que eran uns mantas. Contaba fachendoso que facendo o servizo militar en Mallorca el tamén xogara nun equipo da illa e os seus compañeiros eran tan vaghos que el o facía todo; cando sacaba un córner tiña que ir correndo a toda presa para tentar de rematar coa cabeza porque se esperaba que o fixeran os seus podía sentarse. Vivía tanto as súas historias que case sempre as deixaba a medio contar. Nunca se soubo se algunha vez meteu un gol na dobre faceta de pasador e rematador. Aquilo si que era furia... dialéctica.