Entrevista | Ángel Eiroa
11 abr 2006 . Actualizado a las 07:00 h.Ángel Eiroa é o técnico de turismo do Concello de Cabana, que nesta Semana Santa convértese nun dos principais destinos da Costa da Morte grazas á apertura ao público do dolmen de Dombate. Onte estivo en RadioVoz para falar das visitas ao monumento. - O feito de que o dolmen poida visitarse xa é unha boa noticia . -Si. Xa é unha noticia que se poida visitar outro ano máis, despois de moitos anos pechado ao público, porque a cantidade de xente que vén agora tamén se acercaba outros anos e sempre se atopaba as portas pechadas. Agora podemos velo non no seu esplendor, non plenamente -por exemplo, non podemos ver as pinturas-, pero si que podemos velo de cerca e contar cunha explicación de toda a historia do dolmen e os seus detalles, con fotos das pinturas, dos materiais que están no museo, etc... - ¿Xa se ven tamén as obras no entorno? -Aínda non, aínda que as obras son inminentes, porque xa hai unha empresa contratada. Pero o entorno do dolmen está bastante ben coidado e tamén é algo que a Deputación puxo como condición para as visitas guiadas, e agora tamén hai unha caseta de información turística. Cambiouse o recinto xa fai uns anos, digamos que foi a primeira fase das obras; aínda así, as obras máis grandes están por chegar, esperemos que non tarden moito, e tamén así a xente poderá ver como o dolmen se vai transformando e vai cambiando ese toldo que ten por un edificio no que estará o centro de interpretación. Tamén vai cambiar o entorno, vaise desviar a estrada principal e acondicionar un pouco o entorno, xa que agora case non hai aparcamentos. - ¿Como vai o ritmo de visitas polo momento? -Hai xente que se apunta, e tamén chega xente que vén de recorrido por toda a Costa da Morte. Digamos que unha das paradas obrigatorias é Borneiro, co castro e o dolmen. É un dos puntos de interese. Así, por exemplo, o domingo achegáronse por alí oitenta persoas, había moito nordés, e a xente estaba case tiritando, pero escoitando as explicacións.