TERRA E XENTE | O |
30 mar 2006 . Actualizado a las 07:00 h.A VILA de Baio tivo e ten unha gran capacidade asociativa. A entidade máis antiga é o C.D. Baio, que leva 42 anos ininterrompidos de vida. Despois séguelle a asociación cultural Adro, que xa celebrou o seu 25 aniversario, do que non anda lonxe o grupo teatral Badius. No ámbito do deporte non todo é fútbol, pois a asociación deportiva Su a Agra (1989) é un referente no universo do xadrez, o mesmo que o club Axencia AM no baloncesto. Hai varias asociacións máis, pero centrarémonos agora nas musicais, empezando polo grupo de pandeireteiras Rueiro da Cancela, que en 1997 gravou con Amancio Prada un dos temas do seu cedé Rosas a Rosalía . A máis recente é a Asociación Músico Cultural Pepe Valiña, coa súa Coral Polifónica Xan Mella, que, con apenas tres anos de existencia, acaba de gravar o seu primeiro cedé. Todo un éxito que en parte se explica polo pouso deixado pola desaparecida asociación Labarta Pose, dos anos setenta e oitenta, e noutra pola afortunada presenza en Baio, no 2002, de Tatiana Pankrátova e do seu marido Antonio Díaz Amor, ela profesora de música e el de filosofía no IES Maximino Romero Lema; ela oriúnda de Minsk (Bielorrusia) e el de Ribadeo, de aí cerca... Contando co entusiasmo do recordado Pepe de Valiña fundouse naquel ano esta coral que toma o nome daquel imaxinario «gaiteiro de Baio» labartiano. Presentouse en público o 27 de xullo de 2003 e actuaría noutras vilas da Costa da Morte e tamén fóra. Tras unha dura proba, foi seleccionada para a gravación deste cedé, que contén temas variados que o sábado 1 de abril volverá interpretar para os seus seguidores en Baio. Gravouse nos Estudios Mans-Paideia da Coruña baixo a dirección artística de Nani García e Javier Ferreiro, contando coa produción de Antonio Díaz, secretario da agrupación. Un total de 14 temas que comeza co Ave Verum Corpus de Mozart e remata coa Habanera salada de Ricardo Lafuente, pasando por outros como o Canticorum iubilo de Haendel, a rusa Katiusha -verdadeira seña de identidade da coral-, ou os galegos Baila nena e Sonín vai , que forman parte do repertorio desde o concerto fundacional (o mesmo que Eres tú ). Tamén hai estreas, coma o Signore delle cime , en italiano, ou o Smoke gets in your eyes , en inglés. Parabéns para todos os coralistas, en particular para a súa directora, que tan ben se integrou entre nós. Procuraremos non perder a actuación sabatina da igrexa nova de Baio, excelente auditorio, que ademais contará coa novidade da estrea do tema De entrañas da terra , himno ó pobo baiés que hai anos compuxera o músico Perfecto Varela, natural da veciña parroquia de Anos e residente en Madrid. Perfecto, que anunciou a súa presenza no acto, fora polos oitenta director da coral Labarta Pose, antecesora da Xan Mella; despois del viría o compostelán Santiago López, actual director da Coral Padronesa. Non cabe dúbida de que a semente musical que un e outro deixaron caíu en terra vizosa.