Historias

ANTONIO DÍAZ AMOR

CARBALLO

ARA SOLIS | O |

28 ene 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

PARA OS que gozamos do pracer da lectura é unha sorte atoparnos de cando en vez con libros como As historias de Pepe de Xan Baña, escrito dun xalleiro de Santa Comba emigrante en Cuba. Son historias sinxelas, a maioría das veces autobiográficas e non poucas veces críticas cos problemas do seu tempo, historias de lectura fácil e entretida sobre o que acontecía aló polos finais do XIX e principios do XX, preocupacións dun autor que mesmo escrebe sobre emigración que dunha proposta para que os curas poidan casar. O libro é unha edición anotada e comentada por Xosé María Rey Lema, un estudo rigoroso que dá boa conta da tarefa de investigador deste vimiancés fronteirizo que vive a carón do Río Grande, e que segue a tradición familiar humanística e investigadora. As máis de seiscentas anotacións a pé de páxina que acompañan ao seu traballo explican que o libro non sexa unha mera achega dos escritos de Xan Baña; é un traballo crítico de recompilación e hermenéutica sobre un autor que, sendo moi coñecido oralmente na súa bisbarra, estaba abondo esquecido pola intelectualidade galega. Non só é un traballo dun lingüista, é moito máis: un traballo etnográfico, antropolóxico, xeográfico, histórico e nalgúns momentos ata psicolóxico intentando descifrar a personalidade dun emigrante que, como tantos outros moitos máis da nosa bisbarra, tivo sempre a Galicia no seu corazón. Chema Rey é un filólogo novo e polifacético que non se ancora só no seu traballo de asesor lingüístico para Voz Audiovisual; é investigador do vocabulario da Terra de Soneira, relator dos escritores destas terras da Costa da Morte e ata o puidemos ver facendo pinitos como actor (en Baio aínda nos lembramos do seu maqueo como matón na serie de Ana Kiro). Por certo, moitísimo mellor como investigador que como artista. Nesta última faceta o que destaca é seu pai.