Entrevista | Jorge Mira Pérez PROFESOR TITULAR DE ELECTROMAGNETISMO NA FACULTADE DE FÍSICA DA UNIVERSIDADE DE SANTIAGO O baiés acaba de gañar o premio divulgativo «Ciencia en Acción» de ámbito nacional, nunha final celebrada a fin de semana en Tenerife
28 sep 2005 . Actualizado a las 07:00 h.A Jorge Mira Pérez, de Baio, sempre lle gustou levar a física en particular, e a ciencia en xera,l fóra das aulas da Facultade de Física da Universidade de Santiago nas que dá clase desde fai xa moitos anos, a pesar de que só ten 36. De aí que, no tempo libre, se adique a ensinar os segredos mecánicos do mundo en prensa, radio e televisión. Un dos froitos desa teima acaba de verse esta pasada fin de semana. Estivo en La Laguna, Tenerife, participando na fase final do concurso Ciencia e Acción contra medios moi fortes. Levou con el as súas intervencións na Televisión de Galicia. E gañou. Este galardón hai que engadilo a outros moitos (xedrez, natación, atletismo, taekwondo ou bailes de salón aparte) académicos: premio extraordinario de doutoramento, finalista Físico Español Joven, Premio Deputación de Pontevedra de Ciencia e Tecnoloxía ou Premio da Real Academia Galega de Ciencias. -¿En que consistiu esta fase final? -Había unha selección de traballos de divulgación científica, con máis de trinta candidaturas. Pasamos oito finalistas, e o xurado debatía connosco, preguntábannos e expoñiamos. -¿Que importancia ten «Ciencia en Acción»? -Penso que moita, é un premio nacional, e España é moi grande. Aparte diso, concédeno as máis altas institucións científicas do país. -¿Pensa que a ciencia se divulga ben en España? -Hai un exceso de formato estándar que está alonxado da poboación. Por exemplo, explícase o motivo polo que se concede un Premio Nobel, pero non por que flota un barco ou voa un avión. Quero dicir que, no apartado da información, a ciencia está ben cuberta, hai cada vez máis reseñas nos medios, pero a cultura científica da xente aínda é escasa, hai moito que mellorar, e aí está o labor da divulgación. -¿E cre que a cousa vai a mellor ou a peor? -Precisamente nos actos de Tenerife, o responsable do Instituto Astrofísico de Canarias comentaba que a brecha entre a clase científica e a sociedade cada vez é maior. E iso que estamos no século XXI, de moito desenvolvemento e avance técnico. Dicía que neste país, un científico non é considerado un intelectual, a pesar da súa contribución ao progreso, pero si consideran así un autor que publica un libro.