ARA SOLIS | O |
01 ago 2005 . Actualizado a las 07:00 h.NOS ÚLTIMOS anos vese moita afección ao cabalo na Costa da Morte. Cando non hai una espectacular rapa das bestas hay una festa cabalar na que os participantes amosan o ben que saben marcar o paso as súas reses e hai quen se gaba da beleza do seu exemplar. A paixón polos équidos non é nova. Os nosos avós -moitos deles xa finados- non tiñan outro medio de transporte. Os coches eran un luxo de privilexiados. Ían ás festas nas súas eguas e había quen facía competicións para ver quen chegaba primeiro aos sitios. Os pobres animaliños levaban boas suaduras. Un vello contoume na rapa de Areosa que el tivera un veciño que era un gran namorado dos cabalos. O seu sempre era o mellor. Tíñao ben coidado e relucente. Tanto lucía a súa cabalgadura que a moza máis bonita do Concello de Cabana quedou prendada do xinete e non tardaron en casar. Xa sendo matrimonio o esposo seguía coa súa paixón polas eguas e máis polos poldros, aos que non lles choraba esforzos, pero seica non amosaba tanto interese pola súa muller. Aínda non pasaran un par de anos e, un día, ela desapareceu sen deixar sinais. Hai quen di que a viron con outro mozo da parroquia a bordo dun barco que levaba rumbo a Arxentina.