Entrevista | José Manuel Pequeño Castro Acude á súa primeira feira turística desde que é o responsable da asociación supracomarcal. Valora o presente, pero tamén mira cara o futuro, que pasa por ampliar horizontes
27 may 2005 . Actualizado a las 07:00 h.?osé Manuel Pequeño está en Barcelona como responsable máximo da asociación Neria no Salón Internacional do Turismo de Cataluña, unha cita á que a entidade acode por sexto ano consecutivo. É a súa primeira cita nunha feira internacional desde que foi elixido presidente, aínda que, casualmente, xa estivo en Barcelona o ano pasado, na mesma feira, convidado na súa calidade de alcalde. Daquela era o mes de abril, como foi sempre, pero este ano cambiou a finais de maio e iso estase notando negativamente na afluencia de xente, un comentario xeral entre os expositores no salón. -Moi ben, coa salvedade de que a asistencia sexa menor. Penso que a xente xa coñeze a Costa da Morte bastante, porque a única entidade que leva tantos anos facendo promoción da Costa da Morte é Neria, iso é indiscutible. Vense resultados, que son bos e bonitos. Tamén temos o Camiño a Fisterra e Muxía, un dos motivos da creación de Neria, que é un estandarte para a comarca e que nós levamos moitos anos dando a coñecer por todo o mundo. -Con todo isto, ¿non habería que dar un salto? -Paréceme que si. Temos que cambiar a forma de promocionar o noso territorio, temos que ser capaces de trasmitir a idea da Costa da Morte como un todo, non unha suma de individualidades. Por decilo dun modo gráfico, repartimos demasiados folletos individuais. Hai que acudir ao que a xente coñece e lle sona, que é a Costa da Morte. ¿Que hai que facer, daquela? Que as Administracións locais e a Deputación fagan un plano conxunto de promoción da Costa da Morte. Ao público en xeral dille máis isto que as individualidades. -¿Cales son os plans? -Hai que comercializar o turismo. Neria debe marcar esa pauta e facelo, entreoutras maneiras, desde un centro de reservas coa sé física nas Torres do Allo. E montar, posiblemente, unha empresa turística na que estea, sobre todo, a iniciativa privada, promocionar o noso territorio en puntos claves como Madrid, Barcelona ou Bilbao. Ter presente o produto a ofertar, que desde logo non é o de sol e praia, senón a paisaxe, a natureza, a gastronomía, a cultura. -Ou sexa, manter a presenza nas feiras. -Volvo ao de antes. Se a xente coñece a Costa da Morte é porque Neria é a única entidade que a promociona. Se botamos a vista atrás, ¿quen falaba dela ata que esta asociación se creou? -¿Que opina dunha ampliación a Bergantiños? -Nós non entendemos de localismos. Neria, cando sae, fala da Costa da Morte no seu conxunto, desde A Laracha ata Carnota. Iso é doado de ver, tanto no que falamos como incluso en moitos dos libros que temos editado. -¿E de facer un centro de reservas? -Pois que é fundamental, como que haxa un colectivo profesional que promocione e comercialice. Insisto na idea da comercialización, que é polo que temos que apostar desde agora. É precisa unha empresa de servizos turísticos, e esa empresa é Neria, porque xa leva moitos anos no turismo e faino ben. -Por certo, ¿como ve o de recuperar en firme as relacións coa Costa Brava catalana? -Moi ben. No seu día xa se fixera un primeira contacto por unha persoa que viu futuro turístico e cultural nesta relación, como foi o ex alcalde fisterrán Ernesto Insua. É moi importante que poidamos manter os lazos, e sigo apostando pola prioridade de consilidar a rede europea dos finisterres. Ten que haber unha relación, e desde Neria trataremos de facer xornadas ou simposios neste eido. Tal vez un interterritorial, pero é moi axiña para adiantar acontecementos.