Abalar

ANTONIO DÍAZ AMOR

CARBALLO

ARA SOLIS | O |

07 may 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

POR FIN van amañar a pedra mais famosa da nosa bisbarra, a pedra da que dicía Murguía que servía para probar a fidelidade conxugal ou a culpabilidade dos presos se era que non abalaba. A pedra que presaxia as desgracias que van acontecer no mar oscilando soa uns días antes de que estas ocorran. A lenda conta que cando se move sen ninguén enriba dela é un mal agoiro e cando son os romeiros os que a fan abalar é que a virxe vailles conceder o que piden (sei de moitas mulleres que tentan de avalala para conseguir quedar preñadas... supoño que saberán que só co abalar non chega). A última vez foi reparada no 1998 pero pouco lle durou o amaño pois o xigantesco penedo foi incapaz de soportar a paixón que puxeron os seus abaladores (posiblemente, conta outra lenda lenda, moitos dos que estaban sobre ela non estaban libres de pecado...). Pero o verbo da pedra muxían non só serve para ilustrar a fenomenoloxía destas terras da Costa da Morte, tamén é utilizado para un dos xogos lingüísticos mais simpáticos que escoitei na volta: contan dun baiés que, apurado de cartos, foi a casa dun veciño para pedirlle que o avalase e este contestoulle con moita sorna: «Eu abalar, abálote... pero non te me durmas».