ARA SOLIS | O |
07 abr 2005 . Actualizado a las 07:00 h.A ADMINISTRACIÓN anunciou fachendosa unha estrada con cabida para dous autos entre Mórdomo e Camelle. Os alcaldes dos tres concellos afectados están arrabiados por facer a pista a doble carril. Xa se sabe que estamos acostumados a que enchan de galipote canto camiño hai con tal de conseguir unha manchea de votos. A vía esta debe ser para atender a frenética actividade industrial e comercial entre Traba -onde a maior parte das leiras xa están en campo- e Camelle, onde a florecente industria pesqueira debe necesitar a prosperidade da parroquia de laxense para establecer unha gran vía de comunicación. Se o progreso futuro de ámbalas dúas parroquias depende desa fachendosa pista non deberían esperar un minuto en levar o tanque do galipote. Non fai falta ser ecoloxista para adiviñar o futuro da área máis virxe da Costa da Morte cunha estrada con doble sentido, e en tres concellos que aínda non teñen plano xeral de urbanismo. Chega con dar unha volta por Reira, Arou, Camelle. Eu, no caso dos máis avispados xa ía mercando algunha desas leiriñas que dan ao inmenso Atlántico que turra a todas as horas contra a masa de granito para, nun despiste do concello de turno, ir facendo un chaleíño como os de Reira.