ARA SOLIS | O |
11 dic 2004 . Actualizado a las 06:00 h.FAI DOUS anos atopei no peirao de Laxe a un alemán que coñecera en Ribadeo; viña navegando dende a Bretaña francesa, facendo escalas onde lle petaba, coa intención de chegar algún día a Marrakech. Sabía de el pouco máis que bebía a cervexa por caixas, era un gran fumador de pipa, tiña cartos por esportas e era fillo dun xoieiro de Karlsruhe amante do maquetismo naval. Falamos da miña vila e do bo trato que lle daban as xentes de Laxe ao mesmo tempo que se sentía sorprendido de que tendo unha costa tan fermosa os peiraos estivesen tan abandonados para a náutica deportiva, queixándose de que na liña de atraque non tiña luz nin auga. Lembreime de Günter estes días pasados lendo no xornal que Neria, os clubes náuticos da zona e os políticos queren facer dalgúns peiraos da Costa da Morte lugar de atraque para este turismo e, ao mesmo tempo, traballar o potencial económico que esta filosofía da vida, máis que deporte, leva aparellada. Ao meu coñecido teutón o que máis lle enfastiaba era o cedo que pechaban as tabernas do peirao e, sarcasticamente, me dicía que se o seu pai metía barcos nas botellas a el non lle quedaba máis remedio que meter as botellas no barco. Tamén gozaba facendo «surf polos bares».