ARA SOLIS | O |
08 dic 2004 . Actualizado a las 06:00 h.XA NON é que todo sexa cuestión de modas, senón que a moda o é todo. É ela a que decide se as saias da próxima tempada van ser longas ou curtas, rectas, pregadas ou acampanadas, se os zapatos serán chatos ou todos os pés parecerán recén saídos dun rodeo texano, se a raia do ollo irá por riba ou por baixo, se volveremos á roupa interior de algodón ou seguiremos embutidos en licra, se os destinos vacacionais máis demandados estarán en oriente ou en occidente, no norte ou no sul, e mesmo se bailaremos cos brazos ou cos pés. Por abreviar, que a moda marca os aspectos máis cotiáns da nosa vida. Mesmo á hora de mercar coche. Fai un par de días, nun concesionario de Carballo comentaba o encargado -ao fío da pregunta dun cliente sobre un vehículo en concreto- que os todoterreos volven estar de moda. Probablemente se saes á rúa daraste conta de que é así, aínda que teñas que pagar por un automóbil o mesmo que custaba un piso fai dez anos. Poucas horas despois tiven a ocasión de comprobar que a moda tamén marca, e ás veces dun xeito radical, os lugares que eliximos para divertirnos. Sen dúbida, nestes momentos está en claro auxe a movida de Ponteceso, e, mentras, outras localidades da Costa da Morte xa non están de moda.