ARA SOLIS | O |
23 nov 2004 . Actualizado a las 06:00 h.HAI QUE ver que mal se levan os bispos co Goberno. A chegada de Zapatero á Moncloa rompeu un longo tempo de prácidas relacións entre a Igrexa e o Executivo central. Os prelados están que rabean por cuestións como a aprobación do matrimonio entre homosexuais, a eutanasia ou as clases de relixión nos colexios públicos, aquela asignatura que antes todos aprobabamos con notable ou sobresaínte e subía a nota media nas avaliacións. Aos dirixentes da Igrexa xa lle teñen saído moitas canas prateadas dende que ZP chegou ao poder e iso que aínda van uns meses. Non teñen máis que disgustos, anque ata o de agora non hai ningunha norma definitivamente aprobada. Non quero nin pensar cando as novas leises saian no BOE ben quentes e fumegantes coma cando sae o pan do forno. Os púlpitos van botar lume. O certo é que as diferenzas que en Madrid ten a Igrexa cos mandatarios socialistas non as hai na Costa da Morte. O exemplo máis claro témolo en Carballo. Que se saiba, o alcalde, un dos líderes históricos do BNG do Fisterra galego, non tiña grande afección polos oficios relixiosos. Pero aí está: o día de San Xoán e do Corpus vai presidindo a procesión do seu pobo. Mesmo nas misas de carácter oficial participa coma calquera e nos actos que organiza o Centro Social San Xoán Bautista, tamén bota unha man. Non se sabe se é mérito do rexedor ou habilidade de quen rixe a parroquia. Non cabe dúbida de que as relacións Igrexa-Concello pasan por un inmellorable momento. A única competencia que manteñen agora mesmo é en tema de casamentos, un polo civil e outro, polo relixioso. O que non se sabe é que pasará o día que ao mandatario municipal lle pidan que presida un matrimonio de homosexuais.