O CARTAFOL | O |
20 nov 2004 . Actualizado a las 06:00 h.FOI UNHA das maiores catástrofes que ocorreron en Europa nos últimos tempos. Hai dous anos que o Prestige rompeu afundíndose a douscentos corenta quilómetros de Fisterra e a catro mil metros de profundidade. O impacto ecolóxico foi supino, pero non se aprendeu a lección. Se hoxe ocorrese outra desgracia parecida, quizá se volvese a actuar do mesmo xeito por falta de medios. Eso si, serviu para despertar o espírito solidario que moitas persoas levan dentro. Son eses miles de voluntarios que traballaron anonimamente sen pedir nada a cambio. Aínda quedan algúns para arrincar o chapapote que permanece oculto debaixo das pedras. Tamén serviu para mostrarlles aos demais pobos do mundo o atraso económico que sofre Galicia con respecto a outras comunidades. Poida que sexa debido a que estamos moi lonxe do continente. Non sei quen dixo, cunha boa dose de literatura, que «a sombra do Prestige é alongada», baseándose nunha obra de Miguel Delibes titulada La sombra del ciprés es alargada . A cara da maior parte dos afectados, no segundo aniversario do embarrancamento é de triste resignación a pesar das axudas recibidas. Coma sempre, aí están as promesas para non cumprilas. Hai xente sen escrúpulos que só se preocupa dos negocios sen importarlle nada a natureza. Pero tiran pedras no seu propio tellado, pois os recursos non son eternos. Se seguimos contaminando, chegará un momento en que o planeta se faga inhabitable. O mar é unha gran fonte de riqueza para alimentármonos os humanos. Por eso hai que gastar o que sexa para coidalo, para mantelo vivo, para que siga producindo para nós. Hai que castigar aos que non cumpren as leis, aos que tiran lixo ao mar, aos que limpan os tanques, aos empresarios que se cegan polos cartos que gañan sen importarlles unha figa o medio, sen respectar as regras do xogo. Por máis que digan que todo está controlado e que o mar ten unha grande capacidade de rexeneración, e aínda que así sexa, durante todo este tempo o chapapote estivo luxando os pensamentos dos mariñeiros, que viron como se ía a pique o seu principal medio de vida, a fonte de sustento de todas as familias que dependen exclusivamente do mar, que non teñen nin saben quizá facer outra cousa. Oxalá que a marea negra non volva nunca, oxalá que desapareza para sempre a alongada sombra do barco maldito.