RADIOGRAFÍAS | O |
06 nov 2004 . Actualizado a las 06:00 h.SEGUÍN AS eleccións americanas con escaso interese. A pesar da parafernalia mediática, non lle acabei de ver atractivo aos comicios. A teórica diferencia entre Bush e Kerry parecíame feble. Detrás de cada candidato hai milleiros de intereses en xogo, enormes empresas que financian aos candidatos como se apostasen por un cabalo. A pesar do anterior, recoñezo que a capacidade dos Estados Unidos para sorprenderme é ilimitada. O decorrer dos comicios en USA dáme pé a facer a seguinte aseveración: Galicia, e máis concretamente a Costa da Morte, está en condicións de ser unha potencia. Explícome. O dato que aparecía neste mesmo xornal é significativo: en USA había o luns 600.000 paisanos contratados para carrexar aos votantes. E aquí, na Costa da Morte, sabemos de carrexos como o que máis. Demostrámolo dende as primeiras eleccións democráticas. George Bush e John Kerry déronse conta do que aquí xa sabemos dende hai décadas: máis importante que facer reflexionar aos votantes é inducilos ao voto. A primeira técnica de inducción é clara: os votos hai que sacalos de debaixo das pedras. E pouco máis dá que esteamos en Ohio, Wisconsin, Florida, Kentucky, Bergantiños ou Fisterra.