RADIOGRAFÍAS | O |
05 ago 2004 . Actualizado a las 07:00 h.NON TIVO sorte. Atopeino na estrada de Ordes en dirección a Carballo, xusto cando a vía comeza a internarse nas primeiras parroquias do rural. Detiven o coche e apunteille coas luces longas, semellaba mergullado nun sono, a piques de espertar. Baixei do automóbil e achegueime ao seu carón, non había dúbida era un porco teixo (tamén chamado teixugo). A súa fermosa pelaxe e o o antifaz negro debuxado na súa cabeza branca son inconfundibles. Mais curiosamente era a primeira vez que o vía sen ser en fotografía. De seguro que que lle batera pouco antes algún vehículo, eran as doce da noite e os teixugos non acostuman a sair de día, nin sequera nas noites claras de lúa chea. Alí seguía, no seu sono irrevocable, deitado sobre o novo asfalto da estrada, calculeille dez ou doce quilos de peso e case debía medir un metro de longo, parecía un osiño estraño. Cheguei á casa pensando no animal. Prendín o ordenador e conecteime á rede electrónica en busca de datos sobre o porco teixo. Souben que o seu nome científico é Meles meles e que se alimenta de miñocas, caracois, pequenos mamíferos e tamén de prantas mais o seu particular vicio son as castañas. Na páxina aseguran que non goza de protección legal pero que está incluido no Convenio de Berna como unha especie que pode ter problemas nun futuro. Unha dos principais perigos ao que están expostos son as vías de circulación. Hai algo que me chama a atención no escrito, «a súa pelaxe é marabillosa e empregábase non hai moito para faceren brochas de afeitar». Mágoa que para aprender máis sobre o porco teixo tivera que ver o estrepitoso fracaso dun deles na aventura de cruzar unha estrada.