Entrevista | José Manuel Vila O político malpicán mostrou en RadioVoz a súa confianza en que a Xustiza falle ao seu favor nos contenciosos que presentou contra dúas sancións da Consellería de Pesca
16 jul 2004 . Actualizado a las 07:00 h.?osé Manuel Vila, secretario da confraría de Malpica e tenente de alcalde da localidade, estivo o martes en Santiago para declarar no contencioso que mantén coa Consellería de Pesca por dúas sancións que lle impuxeron e que, a espera de sentenza, foron levantadas cautelarmente pola xuíza. -Vostede dixo en máis dunha ocasión que estaba moi tranquilo, pero despois desta resolución aínda o estará máis. -O levantamento cautelar é un indicio positivo, pero hai que esperar a que a maxistrada dicte sentenza e iso é o que debemos facer dentro dun clima de tranquilidade. Por iso non debo facer, con respecto a ese asunto, máis declaracións. Só espero que se faga xustiza e que a brutalidade e a forza non se impoñan á razón. -No proceso por incompatibilidade polos seus cargos na confraría e no Concello, ademais dos informes que presentou o seu avogado, contou co apoio dos alcaldes de Malpica, Boqueixón e tamén, por escrito, do de Carballo. -Efectivamente, e por iso quero aproveitar para agradecerlle esta solidariedade, que non é máis que cumprir co deber democrático de ser testigos dunha realidade que está presente. Eu quixen que asístise un alcalde de cada un dos tres partidos do ámbito galego para testemuñar eles, como funcionarios que son, que nos anos que exerceron como concelleiros non tiveron que pedir a compatibilidade. Eu mesmo, fun desazeis anos concelleiro polo PP e doce anos deputado, sen dedicación nin retribución, máis que as dietas de asistencia, e nunca fun requerido neste senso. Por iso sorprende e extrana un pouco que aos dous meses de ser concelleiro do AVE, se me obrigue a pedila, e ademais, que mentres estou no trámite de demostrar que non fai falta, se me sancione. Neste caso, a man inquisidora actou rapidamente. -O sector pesqueiro tamén o apoiou no xuízo coa presenza dos representantes das asociacións de confrarías. -Bueno, eu mesmo tiven que frear que viñesen mais persoas, porque non estamos intentando coaccionar á maxistrada nin moito menos. Eles estiveron alí para arrouparme. Eu sufrín un proceso que vén de largo, un proceso que xa explicarei no seu momento, dosificado no tempo para causar o maior dano posible. E o feito de que estivesen alí para apoiarme é algo que agradezo profundamente, porque nos momentos difíciles é cando se ven as persoas, e entón eu agradezo iso. -Ahora toca centrarse no traballo, tanto na confraría como na vida política dende o Concello de Malpica. -Efectivamente, iso é ao que tiñamos que estar todos dedicados, a poder exercer o noso traballo profesional e político sen atrancos deste tipo, atrancos que non están xustificados, pero que xa contarei no seu momento. Desgraciadamente non é así e estas cousas o único que fan é entorpecerte e enfermarte porque estás continuamente nun estado de tensión que che impide atender adecuadamente as cousas. A vida ten estas situacións, e o que naceu para non vivir axeonllado toda a vida ten que enfrentarse a elas. Loitar contra o imperio é difícil porque os cans grandes morden moito. As cousas son difíciles, pero cando un ten a cabeza clara e a conciencia tranquila hai que levantar a cabeza e aguantar o tipo.