Fulxencio

RAMÓN M. VILAR LANDEIRA

CARBALLO

RADIOGRAFÍAS | O |

25 jun 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

FULXENCIO DA Costa tiña dous motivos para ser universalmente coñecido en Bergantiños, por un lado a súa insólita capacidade para comer bacallau a pelo, sen desensalar, e polo outro o número de fillos non recoñecidos que espallara pola bisbarra. Das proezas gastronómicas deu boa proba no ano 47 papando cinco follas e media de bacallau nun ultramarinos de Carballo. Os parroquianos observaron incrédulos como Fulxencio chimpaba o peixe cru acompañado de catro xenerosas xerras de viño tinto. En canto ao dos fillos, cóntase que tivo 27 nenos en outras tantas mulleres, aínda que houbo quen lle apuxo outros catro máis en Santa Comba de Xallas e tres en Arteixo. Por haber aínda había quen aseguraba que dunha vez fixera tres nenos nunha romaría. Nunca recoñeceu ningún. Alegaba que fora ferido na batalla do Ebro nas súas partes e que a metralla o deixara capado. Incluso tiña un informe oficial que o sinalaba como mutilado. Ninguén cría no da capadura, todos e cada un dos nenos (todos varóns) asemellábanse a el como dúas pingas de auga. O único que si se discutía vehemente nas tabernas era se o gusto por papar o bacallau crú influía naquela inaudita capacidade reproductora.