Coitus interruptus forestal

RAMÓN M. VILAR LANDEIRA

CARBALLO

RADIOGRAFÍAS | O |

17 jun 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

POLA FIESTRA vense tres columnas de fume saíndo de entre os montes, polo ar sobrevoan a zona un helicóptero e un avión. Arde con ganas e o triste espectáculo instala unha especie de impotencia na boca do estómago. A estas horas, por todo o país, repítense ducias de casos similares. A xente, afeita a ver o mesmo fenómeno cada verán, préstalle xa pouca atención ao asunto. E aló van centos de eucaliptos, pinos e os escasos castiñeiros e carballos que quedan. Tamén se van, en menos do que vive unha bolboreta, numerosos días de esforzo dos nosos vellos. As ansias dos avós que inzaron as súas propiedades de árbores, en xornadas enteiras de traballo e suor. Un labor calado, rendible só a longo prazo, para axudarlle ao neto a mercar un coche do trinque tuneado, a pagar a entrada dun piso, a lúa de mel en Cancún... Aló vai o sobre cos nove mil euros que tiña o sogro pensado darlle en man á filla e ao xenro cando pechara o trato co madeirista. A vida en cadea, o monte coma nexo común entre o pasado e o moderno, e a seguinte ecuación matemática: os pinos do avó, sumados ao aforro das pagas, máis a ilusión do neto daba como resutado final un impresionante automóbil de 23.500 euros (voante deportivo incluido e luceciñas de discoteca). O mesmo coche co que o rapaz ou rapaza buscaría parella en Cee, Ponteceso, Ordes ou Carballo nas noites dos sábados. Os asentos de coiro que servirían de acoubillo para as faenas amatorias, para a perpetuación da saga familiar nun pouco calculado «coitus interruptus». Aló van todas as ilusións do vello, en forma de cinza, canda esas columnas de fume negro que escurecen este día radiante de xuño.