Mañá deslabazada

RAMÓN M. VILAR LANDEIRA

CARBALLO

RADIOGRAFÍAS | O |

11 mar 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

AGORA, mentres escribo estas liñas dende un cíber de Llanes, en Asturias, a televisión mostra imaxes dantescas da masacre que hai pouco máis de catro horas sacudiu Madrid. A xente mira atónita como a irracionalidade e o absurdo acaba de deixar ducias de cadáveres e centos de feridos aos que sorprenderon as explosións. Espertoume un amigo cunha chamada ao móbil e aínda a estas horas estou que me custa engarzar as palabras. A morte é de por si absurda pero en ocasións coma esta quizais sexa inenarrable en que grao. A violencia é esa estraña compañeira á que nos acostumamos cada mañá nos xornais, renglóns xeados que ilustran unhas fotos que saben a aceiro, pólvora e bágoas. O amargo que sabe o café repasando nos titulares. Hoxe en Madrid, onte en Haití ou Chechenia, mañá quen sabe. Só o absurdo, o fracaso da palabra en favor do sangue, sempre inocente, que corre sen saber por que, nin cara onde. ¿A onde imos? Perdoen esta columna tan pouco acaída, tan deslabazada, tan pesimista (coma esta mañá). O fracaso da condición humana resoa hoxe aquí en Llanes, en Carballo, en Cee ou en calquera recuncho da terra onde aínda haxa a posibilidade de sementar un mundo no que os homes e as mulleres exerzan como tales, por primeira vez na Historia.