Vivendas hipotecadas

XOÁN POSE VIÑA

CARBALLO

O CARTAFOL | O |

13 dic 2003 . Actualizado a las 06:00 h.

PEDIR UN préstamo para mercar unha vivenda é cousa de aventureiros ó límite do imposible. É como tirarse ó precipicio sen paracaídas. Se se pretende adquirir na Coruña, fan falta trinta anos para pagar, é dicir, case ata a hora da prexubilación. En vilas como Carballo, a tarefa é menos complicada porque, evidentemente, os pisos son un pouco máis baratos, se ben no centro xa soben dos vinte e dous millóns (de pesetas). O peor é que, dada a escasa capacidade de aforro das familias, hai que pedir algo máis para mobles. Iso sempre e cando se queira un independizar e deixar ós pais tranquilos, pois, segundo parece, a maioría das persoas está na casa paterna ata os trinta anos. ¿Hai que vivir dos pais mentres non se poida vivir dos fillos? Noutros países europeos, como é o caso de Suíza, onde os inmobles son aínda máis caros que aquí, a xente opta por vivir en casas arrendadas e así o que vai aforrando destínao ás vacacións e a outros gastos. España é un dos países onde a maioría queremos ser propietarios. Neste momento os máis optimistas din que é viable porque os intereses están baixos. Co que se desgrava ó facer a declaración da renda e co que se aforra no aluguer, váiselle pagando ó banco. Con todo, hai miles de pisos baldeiros. En Carballo hainos a moreas. O capital que vén do estranxeiro, e agora xa doutros lugares de España, invístese na construcción de moles de formigón, obras paradas pola eternidade, auténticos galpóns que botan anos sen ventás, sen portas, coa estética destruída, polo chan, e ninguén lle pon fin a estas monstruosidades urbanísticas. ¿Por que se constrúe sen ningún tipo de control? Están graciosos os políticos cando din que se se vende é porque os españois podemos mercar. Pero a crúa realidade é que hai que pasar moitos sacrificios, aproveitar o coche ata que cae en cachos, privarse de ir comer ó restaurante, mesmo de ir ó cine. Hipotecar a casa é sinónimo de hipotecar a vida dos pais e a dos fillos. A hipoteca produce impo, atragántasenos, a non ser que apareza unha herencia milagrosa que nos salve do abismo. Dise que na Costa da Morte a vivenda é máis barata, quizá debido ás condicións meteorolóxicas, que non chaman polo turismo. Os madrileños veñen buscando temperaturas suaves, pero non gozan se teñen que mercar chuvasqueiro e paraugas. A gastronomía atrae, pero de paso non vén nada mal un baño no mar, se se pode.